O Congreso dá o aprobado definitivo á lei de garantías da liberdade sexual –coñecida como a lei do 'só si é si'– e aproba o decreto lei de eficiencia enerxética, que recolle “medidas excepcionais” para garantir a sostenibilidade de distintos ámbitos económicos e sociais nun contexto de “incertezas a escala internacional” como a “crise dos prezos” e as “ameazas de interrupción parcial ou total do subministro de gas”. O BNG abstívose na votación deste decreto pola “discriminación a Galiza” dalgunhas das medidas e a “falta de compromisos concretos” co noso país por parte do Goberno do Estado. Nesta sesión do Congreso [na imaxe © Congreso] tamén quedou convalidado o decreto lei sobre os incendios forestais, que se tramitará polo procedemento de urxencia, aprobouse a nova lei de Ciencia, tecnoloxía e innovación así como unha modificación da lei concursal e mais o novo sistema de cotización para os autónomos.
