Así soa Aire, o novo sinxelo das Tanxugueiras. O tema, producido por Lowlight, "fala de liberdade, de ser e de reinventarse. Unha viaxe a toda velocidade sen pensar moi ben nas consecuencias", explican. Cadrando co lanzamento da canción en todas as plataformas e mais do vídeo, realizado por Trece Amarillo, o grupo detalla as vindeiras datas da súa axenda de concertos en Guitiriz (4 de xuño), A Estrada (24 de xuño), Vimianzo (Asalto ao Castelo, 1 de xullo) ou Monforte (15 de agosto), ademais de múltiplas citas fóra de Galicia.
Fálase
Persoal da CRTVG e representantes de colectivos sociais, sindicais e culturais volven mobilizarse ante a sede da Xunta en Compostela para reclamar "uns medios públicos ao servizo de todas as galegas". O comité intercentros ten convocadas dúas novas xornadas de folga en maio logo do éxito da último o pasado 25 de abril.
A enxeñeira informática Verónica Bolón (Carballo, 1984) recibe o Premio Ada Byron polos seus traballos de investigación en intelixencia artificial sostible e a súa aposta polo fomento da vocación científico-tecnolóxica entre as nenas. O galardón que entrega o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) busca dar visibilidade ao traballo das mulleres na tecnoloxía
PARO REXISTRADO | As inscricións nas oficinas de emprego diminuíron en 2.504 en Galicia durante o mes de abril (-1,77% fronte ao -2,58% da media estatal) e quedaron en 139.343, o que supón 11.259 menos que un ano antes, unha caída do -7,48% lixeiramente inferior á media, do -7,75%. No mesmo mes, a afiliación media á Seguridade Social aumentou en 6.784 persoas (+0,65% e na media, +1,17%) e chega aos 1,05 millóns de cotizantes. Son 16.318 máis que en abril de 2022 (+1,58% e na media estatal, +2,98%).
O Consello de Ministros autoriza a construción da nova estación intermodal de Lugo e aproba 21,6 millóns de euros para as obras, que terán un prazo de 16 meses. Trátase da última operación urbanística para xuntar bus e tren nas cidades galegas, desbloqueada de vez o pasado marzo. Segundo o convenio que rexe o proxecto, o Estado achega o 63% do custo total do proxecto a través do Adif (30,9 millóns), o 27,9% corresponde á Xunta (13,7 millóns) e o 9,5% restante son 4,7 millóns de euros que achega o Concello lucense. Na imaxe [© Adif], recreación da nova estación.
Os boletíns provinciais publican este martes a relación definitiva de candidaturas para as eleccións locais do vindeiro 28 de maio. Nas cidades galegas a única novidade é a non proclamación da lista da Falange Española, formación que polo tanto non concorrerá ás eleccións en Galicia o vindeiro 28M.
Feijóo promete a fiscais conservadores derrogar e reformular dun golpe diversas leis impulsadas polo Goberno do PSOE e UP se chega a gobernar en España. Segundo revela El País, esa promesa produciuse nunha cea celebrada o pasado 18 de abril con medio cento de representantes do Ministerio Público, algúns deles con relevantes cargos no Tribunal Supremo, que animaron o líder do PP a acometer esa contrarreforma se chega a ter maioría dabondo para facelo. Na imaxe, Feijóo e Rueda o pasado sábado, nun mitin do PP no Pino.
Co gallo do Día Internacional contra o Acoso Escolar, este 2 de maio, o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia lanza a campaña “Non contes contos, conta o acoso” para subliñar a importancia de visibilizar o problema do acoso escolar nos centros educativos e de emprender medidas concretas para erradicalo. "Comunicar estes feitos é a chave. Facemos un chamamento ás familias, profesorado, departamentos de Orientación e especialistas en Psicoloxía Educativa, e ao alumnado para que denuncie o bullying", subliña o COP.
A CUT manifestouse este 1º de maio en Vigo, Compostela, A Coruña baixo o lema “Por un cambio real, folga xeral”, en marchas que en Vigo foron conxuntas coa CGT e na Coruña coa CGT e a CNT, entre outros sindicatos.
Ao mediodía comezan a maior parte das manifestacións convocadas polas principais centrais sindicais nas cidades e vilas galegas. A marcha da CIG en Vigo partirá ás 12 da Dobrada. Ás 11.30 iniciarase a mobilización de CCOO e UGT na cidade olívica dende o cruzamento da Vía Norte con Urzáiz. Ás 12 comezarán as marchas na Coruña, a da CIG dende a Praza de Vigo e a de CCOO e UGT dende a Praza da Palloza.