O hospital da Coruña "non rexistra ningún paciente afectado por COVID por primeira vez" dende o comezo da pandemia, hai case 6 anos. Así o notificou este 22 de xaneiro o Sergas a través da área sanitaria coruñesa.
O hospital da Coruña "non rexistra ningún paciente afectado por COVID por primeira vez" dende o comezo da pandemia, hai case 6 anos. Así o notificou este 22 de xaneiro o Sergas a través da área sanitaria coruñesa.
Trump di agora que ten un acordo co secretario xeral da OTAN sobre Groenlandia e recúa na súa ameaza de aranceis para os Estados europeos que enviaron militares ao país ártico. O presidente dos EUA afirmouno no Foro de Davos, reiterou ameazas contra o Goberno de Dinamarca. Imaxe do encontro con Mark Rutte divulgada pola Casa Branca.
O ministro de Transportes asegura que o accidente de Adamuz non está relacionado co “mantemento” nin coa “obsolescencia de materiais” da infraestrutura de Adif. Nunha rolda de prensa xunto a responsables de Adif e Renfe, Óscar Puente tamén afirma que “o factor humano non tivo ningunha incidencia” na causa do accidente.
A investigación do accidente entre dous trens do domingo, con 42 vítimas mortais, continuará durante meses e o ministro asevera que haberá “transparencia absoluta” por “respecto ás vítimas”. [📸 Imaxe do accidente © Guardia Civil]
Ledicia Costas, David Uclés e Lídia Jorge recibiron este mércores o Premio San Clemente, organizado polo IES Plurilingüe Rosalía de Castro de Santiago de Compostela, un galardón que dende hai tres décadas decide e entrega o propio alumnado do centro. Lídia Jorge gañou o premio de novela internacional por Misericordia, Ledicia Costas o de novela galega por Pel de Cordeiro (Xerais) e David Uclés o de novela en castelán por La Península de las casas vacías.
A Xunta constitúe unha "comisión interdepartamental de preparación e coordinación das actuacións relacionadas coa observación da eclipse do 12 de agosto de 2026". Está formada polas consellerías de Presidencia, Medio Ambiente, Educación e Sanidade e pola Axencia de Turismo de Galicia. Nos vindeiros días, diversas institucións galegas incluirán entre a oferta turística que presentarán en Fitur a posibilidade de ver a eclipse, que atinxirá a metade norleste do noso país.
Morre un maquinista e unha quincena de pasaxeiros resultan feridos no accidente dun tren de Rodalies en Catalunya. O convoi, que circulaba entre Gelida e Sant Sadurní d'Anoia, bateu contra un muro de contención caído nas vías, segundo as primeiras hipóteses, a causa do temporal, segundo informan os medios públicos cataláns.
A Xunta activa o plan Inungal ante o risco de inundacións pola situación meteorolóxica adversa que mañá mércores obriga a activar a alerta vermella na costa da Coruña. Será a partir das últimas horas da tarde por ondas de ata 9 metros e fortes refachos de vento.
Xunta e universidades ratifican o convenio para a descentralización de Medicina ratificado onte pola Xunta e constitúen a comisión de seguimento, que aprobou crear dous grupos de traballo en materia xurídica e económica. Tamén se autorizou a incorporación dun representante do alumnado ás reunións desta comisión
O TSXG avala a sanción de case 200.000 euros que o Concello da Coruña puxo á empresa de recollida do lixo por incumprir o contrato tras as "graves sabotaxes" de 2022, o que "comprometeu de forma grave a saúde pública”.
A Fegamp aproba a nova proposta de financiamento do Servizo de Axuda no Fogar ofrecida pola Xunta: pasará de 12 a 16 euros por hora este ano, serán 17 en 2027 e 18 en 2028. Ata agora, o departamento que dirixe Fabiola García ofrecía ofrecía 14 euros en 2026, 15 en 2027 e 16 en 2028 para sufragar un servizo que, estiman os concellos, xa rolda os 22 euros por hora. A Comisión Executiva da Federación Galega de Municipios e Provincias (composta por alcaldías de PSdeG -que a preside-, PP e BNG) -na imaxe- indica que a votación saíu adiante "por maioría" e que non "renuncia ao obxectivo final de que o financiamento do SAF sexa cuberto na súa integridade" por fondos da Xunta e do Estado. Deste visto e prace desmarcáronse os representantes do BNG no organismo, que advirten de que rexeitarán "todo o que non sexa achegarse ao prezo real do custe da prestación do servizo".