Morre un maquinista e unha quincena de pasaxeiros resultan feridos no accidente dun tren de Rodalies en Catalunya. O convoi, que circulaba entre Gelida e Sant Sadurní d'Anoia, bateu contra un muro de contención caído nas vías, segundo as primeiras hipóteses, a causa do temporal, segundo informan os medios públicos cataláns.
Fálase
A Xunta activa o plan Inungal ante o risco de inundacións pola situación meteorolóxica adversa que mañá mércores obriga a activar a alerta vermella na costa da Coruña. Será a partir das últimas horas da tarde por ondas de ata 9 metros e fortes refachos de vento.
Xunta e universidades ratifican o convenio para a descentralización de Medicina ratificado onte pola Xunta e constitúen a comisión de seguimento, que aprobou crear dous grupos de traballo en materia xurídica e económica. Tamén se autorizou a incorporación dun representante do alumnado ás reunións desta comisión
O TSXG avala a sanción de case 200.000 euros que o Concello da Coruña puxo á empresa de recollida do lixo por incumprir o contrato tras as "graves sabotaxes" de 2022, o que "comprometeu de forma grave a saúde pública”.
A Fegamp aproba a nova proposta de financiamento do Servizo de Axuda no Fogar ofrecida pola Xunta: pasará de 12 a 16 euros por hora este ano, serán 17 en 2027 e 18 en 2028. Ata agora, o departamento que dirixe Fabiola García ofrecía ofrecía 14 euros en 2026, 15 en 2027 e 16 en 2028 para sufragar un servizo que, estiman os concellos, xa rolda os 22 euros por hora. A Comisión Executiva da Federación Galega de Municipios e Provincias (composta por alcaldías de PSdeG -que a preside-, PP e BNG) -na imaxe- indica que a votación saíu adiante "por maioría" e que non "renuncia ao obxectivo final de que o financiamento do SAF sexa cuberto na súa integridade" por fondos da Xunta e do Estado. Deste visto e prace desmarcáronse os representantes do BNG no organismo, que advirten de que rexeitarán "todo o que non sexa achegarse ao prezo real do custe da prestación do servizo".
Cando menos unha vintena de persoas mortas e decenas de feridas nun accidente ferroviario en Adamuz (Córdoba). Segundo as primeiras informacións, un tren da empresa Iryio que viaxaba de Málaga a Madrid descarrilou e bateu contra un Alvia de Renfe que circulaba de Madrid a Huelva pola vía contigua. O ministro de Transportes, Óscar Puente, cualifica a situación de "grave" mentres seguen en marcha os labores de rescate e a Junta de Andalucía prevé que a cifra de falecementos e persoas feridas continúe a aumentar durante a noite.
O socialista António José Seguro, á fronte das sondaxes e do escrutinio das eleccións presidenciais portuguesas. Previsiblemente, enfrontarase na segunda volta con André Ventura, líder da extrema dereita.
Rueda asina con Feijóo en Zaragoza unha declaración contra o modelo de financiamento autonómico proposto polo Goberno de España. Canda o resto de presidentes e presidentas do PP, o titular da Xunta e líder do PPdeG secunda un documento que esixe "reiniciar o proceso dende o principio" e elaborar un novo modelo sobre o que non achega cifras ou criterios concretos. O sistema de financiamento das autonomías está caducado dende 2014, catro anos antes de que Mariano Rajoy perdese o Goberno de España. [Imaxe: © PP]
O CIS ratifica a dereitización do taboleiro político estatal: o PP podería gobernar malia perder votos e escanos grazas ao forte ascenso da extrema dereita de Vox, formación coa que os de Feijóo sumarían unha folgada maioría absoluta, segundo a análise independente dos datos do Centro de Investigacións Sociolóxicas que este sábado publica infoLibre. Na imaxe, Feijóo e Abascal nas conversas previas á investidura fracasada do ex-presidente galego tras as eleccións xerais de 2023 [© PP]
Feijóo considera "boa noticia" que en 2035 "poidan seguir vendéndose coches de combustión". "Levantamos a prohibición, foi unha promesa do PP e o cumprimos", di sobre a actuación dos conservadores na Unión Europea. Na imaxe, de arquivo, unha visita de Feijóo a PSA.