A Fegamp aproba a nova proposta de financiamento do Servizo de Axuda no Fogar ofrecida pola Xunta: pasará de 12 a 16 euros por hora este ano, serán 17 en 2027 e 18 en 2028. Ata agora, o departamento que dirixe Fabiola García ofrecía ofrecía 14 euros en 2026, 15 en 2027 e 16 en 2028 para sufragar un servizo que, estiman os concellos, xa rolda os 22 euros por hora. A Comisión Executiva da Federación Galega de Municipios e Provincias (composta por alcaldías de PSdeG -que a preside-, PP e BNG) -na imaxe- indica que a votación saíu adiante "por maioría" e que non "renuncia ao obxectivo final de que o financiamento do SAF sexa cuberto na súa integridade" por fondos da Xunta e do Estado. Deste visto e prace desmarcáronse os representantes do BNG no organismo, que advirten de que rexeitarán "todo o que non sexa achegarse ao prezo real do custe da prestación do servizo".