O sindicato CUT convoca folga xeral en Galicia o 15 de outubro en apoio ao pobo palestino e contra o xenocidio en Gaza e chama "a todas as organizacións sindicais e sociais a unirse á convocatoria".

O sindicato CUT convoca folga xeral en Galicia o 15 de outubro en apoio ao pobo palestino e contra o xenocidio en Gaza e chama "a todas as organizacións sindicais e sociais a unirse á convocatoria".
O Partido Barbanza Independiente racha o goberno de Ribeira que encabeza o BNG e entregará a alcaldía ao PP cunha moción de censura. Tras as eleccións municipais de 2023 o PBBI secundou unha coalición encabezada polo Bloque con Luís Pérez Barral como alcalde que, tamén coa participación do PSdeG, implicou un histórico cambio de goberno tras máis de tres décadas ininterrompidas cos populares na alcaldía. A formación independente xurdiu dunha escisión do PP local en 2019. Segundo avanza La Voz de Galicia, a moción de censura co PP está asinada por 4 dos 5 edís do PBBI e debaterase o 13 de outubro. Na imaxe, o líder do PBBI, Vicente Mariño (dereita), anunciando o pacto con BNG e PSdeG tras as municipais.
O embaixador da China reúnese con Ana Pontón tras participar no foro Oportunidades de cooperación e investimento entre empresas galegas e chinesas, organizado pola patronal galega e no que participou a Xunta. A portavoz nacional do BNG avoga ante Yao Jing por "potenciar as relacións comerciais e abrir novas oportunidades ás empresas galegas" no seu país. "Somos un país que ofrece grandes oportunidades para acoller proxectos que sexan sustentables, que acheguen riqueza e xeración de emprego, e que teñan nesa sustentabilidade e no desenvolvemento tecnolóxico un dos seus piares", sinalou.
Rueda reitera que o de Gaza é "unha masacre, unha salvaxada" pero evita novamente falar de "xenocidio". O presidente da Xunta di que non ten "outra atadura política que a miña conciencia"
Novas pintadas ameazantes en Lugo, desta vez xunto a unha mezquita, tras as que sufriu a sede do PSdeG nos pasados días por parte da extrema dereita. A expresión "moros de mierda" foi escrita nunha fachada da rúa Túnel de Oural, segundo informa El Progreso.
A universidade privada de Abanca anuncia a creación do seu propio instituto de investigación en colaboración con HM Hospitales ou Plexus. A Universidad Intercontinental de la Empresa presume do primeiro centro privado deste tipo no "ecosistema universitario do noroeste español", que terá sede en Santiago.
A Xunta dá por controlado o incendio de Pantón 10 días despois do seu inicio. As últimas estimacións de superficie ardida neste fogo, iniciado na parroquia de Pombeiro e que obrigou a varios desaloxos, roldan as 1.800 hectáreas, segundo Medio Rural, que especifica que 1.517 son arboradas e as 288 restantes, rasas. En anteriores estimacións apuntara a unhas 2.000. Na imaxe, bombeiros forestais traballando neste incendio a pasada semana [AT BRIF]
Novo ataque á sede do PSdeG en Lugo con pintadas da extrema dereita. Apenas dez días despois de fosen vandalizadas coa lenda "rojos de mierda", as instalacións socialistas na capital lucense e a beirarrúa anexa aparecen inzadas de insultos e mais mensaxes de apoio a Vox ou á Falange. "A ultradereita non nos calará coas súas ameazas nin cos novos actos vandálicos contra a nosa sede en Lugo", sinala o PSdeG, que agrega que "defendemos a democracia e seguiremos denunciando a súa estratexia de odio fronte a unha dereita compracente, que lle dá ás". [Imaxe: PSdeG]
A borrasca ex-Gabrielle trae chuvias e ventos intensos a Galicia dende o mediodía deste sábado, pero sen alertas en terra, resalta MeteoGalicia. No mar, o aviso é amarelo "por ondas de máis de 4 metros na Costa da Morte e nas Rías Baixas en mar aberto durante a noite". [Imaxe: © MeteoGalicia]
A maior parte dos representantes dos países presentes na Asemblea Xeral da ONU abandonaron a sala no momento en que ía intervir o primeiro ministro israelí, Benjamín Netanyahu. Netanyahu anuncia que seguirá adiante co xenocidio en Gaza. Podes seguir aquí a sesión en directo.