As Tanxugueiras rematan o Benidorm Fest como as máis votadas polo "xurado demoscópico" (30 puntos) e no voto popular pero, ao obteren só 30 puntos do xurado do festival (a terceira puntuación máis baixa) non lograron a vitoria.
Fálase
O DOG fai oficiais os cambios nas medidas da Xunta pola COVID que entran en vigor ás 00:00 deste sábado. As mudanzas consisten, esencialmente, en regresar á situación previa aos últimos días de decembro, coa desaparición do veto aos encontros entre non conviventes durante a madrugada e a flexibilización das restricións para hostalería, pubs e discotecas, incluíndo o servizo de barra. A esixencia do certificado COVID mantense sen cambios, unha vez avalada a súa continuidade polo TSXG.
Jácome volve á Deputación de Ourense como deputado de Democracia Ourensana. O alcalde de Ourense, que goberna en bipartito co PP, substitúe no escano a Miguel Caride, un dos membros do grupo de Jácome que abandonara DO e que deixou os seus cargos a finais de 2021. O goberno do PP José Manuel Baltar na institución provincial foi posible en 2019 grazas ao voto de DO, con quen reconstituíu o bipartito en setembro do ano pasado. [Imaxe: © Deputación de Ourense]
O TSXG autoriza a Xunta a prorrogar a esixencia do certificado COVID (de vacinación, recuperación ou proba negativa) ata o 12 de febreiro onde o viña facendo ata agora. Daquela, o requisito seguirá vixente para as visitas a hospitais e residencias, bares e restaurantes, pubs e discotecas, ximnasios e piscinas cubertas, eventos multitudinarios (ata agora, máis de 200 persoas baixo teito ou 500 no exterior) ou aqueles que non o sexan pero nos que se sirva comida ou bebida.
VÍDEO | Así soa Averno, o novo das Tanxugueiras. No tema, que fará parte do novo disco das pandeireteiras, colabora o rapeiro Rayden, que tamén está clasificado para a final do Benidorm Fest. "Nace como unha declaración de intencións respecto a un sentimento común: a rabia", din Tanxugueiras sobre un tema no que, destacan, "parte da tradición para outorgar ás sonoridades urbanas un especial protagonismo". O traballo audiovisual está dirixido por Trece Amarillo (Diego M. Barcia e Diego Santaclara).
Morre dun infarto Eva García, alcaldesa socialista do Porriño ata hai un mes. O Concello celebra este xoves un pleno extraordinario para declarar tres días de loito oficial e múltiples cargos públicos, como o líder do PSdeG, Valentín González Formoso, fixeron públicas as súas condolencias.
Rexistrado un movemento sísmico de magnitude 4,6 -segundo as medicións provisionais- no océano Atlántico, fronte ás costas da Barbanza, ás 15:44 deste xoves. Uns minutos antes houbera outro de magnitude 3,7 nun lugar moi próximo. De confirmarse o valor de 4,6, trataríase do tremor de maior magnitude dende 1997. Máis información, no web do IGN
Un ciclo de concertos no Teatro Colón da Coruña recreará álbums que marcaron a historia da música galega. A iniciativa ‘Pioneirxs da música galega’ da área de Cultura da Deputación da Coruña ábrese o sábado 12 de febreiro coa actuación de Pilocha, cuxo disco homónimo de 1978 é considerado o primeiro do jazz-fusión galego. O 5 de marzo será a quenda de Miro Casabella, que levará ao escenario o seu ‘Ti, Galiza’, editado en 1977.
EPA | A poboación ocupada en Galicia aumentou en 10.400 persoas durante 2021 malia reducirse en 21.200 entre o terceiro e o cuarto trimestre do pasado ano, segundo a Enquisa de Poboación Activa que vén de coñecerse. O ano pechouse con 135.100 persoas no paro, 8.400 máis que no terceiro trimestre, pero 7.500 menos que no remate de 2020.
Tanxugueiras, clasificadas con Terra para a final do Benidorm Fest, da que o vindeiro sábado sairá a representación de RTVE en Eurovisión. As pandeireteiras levaron 38 puntos do xurado (50% do total), 25 puntos do voto demoscópico (25%) e 30 puntos do voto da audiencia (25%). Podes volver ver a súa actuación nesta ligazón [Imaxe da retransmisión de RTVE]