O conselleiro de Sanidade abandona o Consello Interterritorial de Saúde canda o resto de autonomías de gobernos do PP. Antonio Gómez Caamaño acusa a ministra Mónica García de "utilizar" este órgano para "o capricho político" e "atacar" as autonomías do PP ao fío da crise dos cribados de cancro en Andalucía. Os gobernos dos conservadores "estamos dispostos a dar eses datos", agrega o conselleiro tras a súa negativa a remitilos ao Ministerio, "e os primeiros en coñecelos van ser os pacientes", di nun contexto no que volve culpar o Goberno de España dos "problemas que persisten" coma o "déficit de médicos".
O Ministerio, pola súa banda, reprocha a "deslealdade institucional" dos conselleiros do PP e mantén que a súa ausencia impediu votar o reparto de "dous millóns de euros para atención e vixilancia do cancro". "Onte estiveron na cea, pero hoxe no de traballar xa non tocaba", agrega o secretario de Estado de Sanidade, Javier Padilla.