Inditex gaña 2.500 millóns nos nove primeiros meses do ano e logra un máximo histórico de vendas e beneficios nun terceiro trimestre. O beneficio neto subiu un 273% respecto a un ano antes.
Fálase
O PSdeG reúne por primeira vez a súa nova Executiva Nacional, con Valentín González Formoso á fronte. O novo secretario xeral socialista sinala que se propón "rearmar o proxecto" do partido para "conectar coa cidadanía" e sinala que será a comezos do ano, na seguinte xuntanza da dirección, cando será designada a persoa que remudará a Gonzalo Caballero na portavocía do Parlamento. [Imaxe: CC-BY-NC-SA PSdeG]
O PP recupera a alcaldía da Baña logo de prosperar unha moción de censura dos populares e Compromiso por Galicia. Andrés García Cardeso recupera o posto de rexedor que ocupara durante 24 anos. O portavoz parlamentario do PSdeG, Gonzalo Caballero, apoiou o xa ex-alcalde socialista, José Antonio Pereira, tras unha manobra "contra natura".
O comité acepta "negociar" con Alcoa a súa última proposta para deter a produción dous anos na Mariña, pero sempre que non se paren as cubas e que se garanta emprego para as empresas auxiliares.
Vía Galega presenta o himno 'Galiza, un Pobo, unha selección' para reivindicar o dereito á oficialidade das seleccións deportivas galegas. A peza contou coa colaboración de 28 persoas que puxeron a voz e música, de maneira desinteresada
Coada, gromo, resiliencia, tanxugueiras e vacinódromo, candidatas a ser a palabra do ano 2021 no certame que organiza o Portal das Palabras da Real Academia Galega e a Fundación Barrié. A votación está aberta ata o 25 de decembro. O pasado ano, a elixida fora "nós".
Comezan en Lugo os traballos para eliminar unha pasarela a escasos metros da Muralla que fora instalada como provisional en 1992. A urbanización desta contorna implica "recuperar un espazo para a cidadanía saldando unha débeda histórica que resolverá as conexión viarias nunha contorna de alto valor patrimonial", sinala a alcaldesa lucense, Lara Méndez. O acondicionamento da zona peonil, que durará 6 meses, é previo á posterior construción na parcela anexa.
Triunfo internacional da selección galega de ciclocrós coa ciclista júnior Laura Mira, a mellor da súa categoría na proba de clase UCI C2 disputada no circuíto da canle do río Turia, en València. Os detalles da proba, no sitio web da Federación Galega de Ciclismo.
- HEMEROTECA | Unha ducia de exitosas deportistas galegas
O relatorio de vacinas do Consello Interterritorial de Saúde estuda xa a extensión da terceira dose da vacina contra a COVID á poboación maior de 40 anos, adianta a Cadena SER. Actualmente está prescrita para maiores de 60 e o Sergas citou xa nos últimos días a poboación do grupo de 50 a 59 anos para recibila, aínda que aínda sen o visto e prace do organismo interterritorial. [Imaxe: CC BY-SA Xunta]
O Sergas recibe do Ministerio de Sanidade o primeiro lote de vacinas contra a COVID-19 para a infancia de 5 a 11 anos, 60.000 doses que comezarán a ser administradas o vindeiro mércores, día 15. Sanidade especificou que a vacinación comeza polo grupo de 9 a 11 anos. O grupo de menores de 11 anos, ata agora non incluído na vacinación, vén encabezando dende hai semanas a incidencia acumulada [Foto: CC BY-SA Sergas]