Vía Galega presenta o himno 'Galiza, un Pobo, unha selección' para reivindicar o dereito á oficialidade das seleccións deportivas galegas. A peza contou coa colaboración de 28 persoas que puxeron a voz e música, de maneira desinteresada
Fálase
Coada, gromo, resiliencia, tanxugueiras e vacinódromo, candidatas a ser a palabra do ano 2021 no certame que organiza o Portal das Palabras da Real Academia Galega e a Fundación Barrié. A votación está aberta ata o 25 de decembro. O pasado ano, a elixida fora "nós".
Comezan en Lugo os traballos para eliminar unha pasarela a escasos metros da Muralla que fora instalada como provisional en 1992. A urbanización desta contorna implica "recuperar un espazo para a cidadanía saldando unha débeda histórica que resolverá as conexión viarias nunha contorna de alto valor patrimonial", sinala a alcaldesa lucense, Lara Méndez. O acondicionamento da zona peonil, que durará 6 meses, é previo á posterior construción na parcela anexa.
Triunfo internacional da selección galega de ciclocrós coa ciclista júnior Laura Mira, a mellor da súa categoría na proba de clase UCI C2 disputada no circuíto da canle do río Turia, en València. Os detalles da proba, no sitio web da Federación Galega de Ciclismo.
- HEMEROTECA | Unha ducia de exitosas deportistas galegas
O relatorio de vacinas do Consello Interterritorial de Saúde estuda xa a extensión da terceira dose da vacina contra a COVID á poboación maior de 40 anos, adianta a Cadena SER. Actualmente está prescrita para maiores de 60 e o Sergas citou xa nos últimos días a poboación do grupo de 50 a 59 anos para recibila, aínda que aínda sen o visto e prace do organismo interterritorial. [Imaxe: CC BY-SA Xunta]
O Sergas recibe do Ministerio de Sanidade o primeiro lote de vacinas contra a COVID-19 para a infancia de 5 a 11 anos, 60.000 doses que comezarán a ser administradas o vindeiro mércores, día 15. Sanidade especificou que a vacinación comeza polo grupo de 9 a 11 anos. O grupo de menores de 11 anos, ata agora non incluído na vacinación, vén encabezando dende hai semanas a incidencia acumulada [Foto: CC BY-SA Sergas]
Estragan cunha pintada a escultura de Federico García Lorca na Alameda compostelá. O Concello de Santiago emitiu un comunicado de "condena deste acto vandálico" que, di, "non ten cabida nunha cidade como Compostela, caracterizada polo respecto á diversidade e á igualdade". O goberno local detalla que a Policía "está realizando un informe" e este mesmo domingo unha restauradora "tentará limpala". O BNG local, que divulgou a imaxe, tamén condena o acontecido e subliña que Lorca foi "amante de Compostela e da lingua galega, símbolo da cultura en liberdade". Compostela Aberta, pola súa banda, "lamenta e condena" o estrago e lembra que Lorca "foi brutalmente asasinado pola barbarie franquista".
- HEMEROTECA | Lorca queda na Alameda de Compostela
O Papa recibe no Vaticano a Yolanda Díaz, que lle entregou un exemplar de Follas novas, de Rosalía de Castro. A vicepresidenta segunda do Goberno de España e ministra de Traballo sinala que "dialogou" co pontífice "sobre o traballo decente, a crise da COVID-19 e o futuro do planeta". O equipo de Díaz abonda que, entre os asuntos tratados, figuraron as medidas do Executivo español en clave social e de emprego. (Imaxe divulgada polo Ministerio de Traballo).
- HEMEROTECA | Unha ducia de cregos cos pés na terra
Berta Dávila gaña o Premio Xerais de Novela e mais o Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil coas súas obras Os seres queridos e Un elefante na sala de estar. O XXVI Premio Merlín de Literatura Infantil foi para Ledicia Costas pol'O neno de lume. [Imaxe: © Xerais]
O tribunal de apelacións de Londres ditamina que Julian Assange, fundador de Wikileaks, pode ser extraditado aos EUA. "A vida de Julian está unha vez máis ameazada gravemente e tamén o está o dereito dos xornalistas a publicar material que os gobernos e as corporacións consideran inconvenientes", sinalan dende Wikileaks en declaracións que recolle a BBC. Os seus avogados recorrerán a decisión. [Imaxe: © Wikileaks]