O vindeiro martes 12 de outubro os 15 medios que forman parte da Plataforma de Medios Independentes, entre eles Praza.gal, publicarán unha nova enquisa sobre a Monarquía española, de novo realizada polo instituto de opinión 40dbES. A enquisa publicada o pasado ano, que tivo unha gran repercusión, reflectiu unha grande igualdade en Galicia entre a poboación a prol e en contra dun referendo sobre a continuidade da monarquía e tamén entre quen optarían por unha solución republicana e os que preferirían manter a actual situación.
Fálase
📺VINTE almorzou con Jorge Coira en Cans, onde recibiu o premio de honra Pedrigree 2021. Cans é unha cita habitual para este director de cine e series, que empezou nos 90 facendo curtametraxes e que, tras a exitosa Hierro, comeza agora a rodaxe dunha nova serie para Movistar+, Rapa, tamén un thriller mais desta vez rodado en Ferrol e Cedeira
Pedro Sánchez anuncia que os Orzamentos Xerais do Estado incluirán "unha axuda directa de 400 euros" para que a mocidade, ao facer 18 anos, adquira bens e servizos culturais como "libros ou calquera actividade artística". Este "bono cultural", sinala o presidente do Goberno de España, pretende "axudar á mocidade e a unha industria fundamental" e vai na liña de medidas semellantes noutros Estados da UE como Francia ou Italia, exemplificou. A Xunta tamén anunciou un bono para consumo cultural que para o vindeiro novembro.
Morre dunha parada cardiorrespiratoria no seu despacho o conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez. Todo o Goberno galego suspende a súa axenda oficial.
Pablo Casado asegura que as medidas contempladas na lei estatal de vivenda que ultima o Goberno de España "non se van aplicar" nas comunidades autónomas onde goberna o PP, caso de Galicia, nin nos concellos con alcaldías do partido. Afirmouno en declaracións a Tele 5 que recolle eldiario.es. Boa parte da futura norma depende dos gobernos autonómicos e locais, en materias como a limitación de prezos do alugueiro ou subas fiscais ás vivendas baleiras, entre outras.
Continúan as protestas polos recortes de profesorado. Desta vez, pais e nais do CEIP Sagrada Familia da Coruña cortaron a Ronda de Outeiro en demanda do especialista de música que lles corresponde, provocando retencións nunha das principais vías da cidade. Foto: BNG.
As asociacións que están a preparar os actos do 50 aniversario do Día da Clase Obreira Galega, que terá lugar o 10 de marzo do vindeiro ano, propoñen trasladar o monumento que lembra os feitos, obra de Xoán Braxe, ao centro da Praza da Porta Nova, "lugar máis destacado e coincidente coa ubicación dos tráxicos sucesos que o motivan"
O Ministerio de Sanidade e as comunidades autónomas aproban administrar unha dose de recordo da vacina contra a COVID ás persoas de máis de 70 anos. Esta terceira dose comezará a ser administrada a partir do 25 de outubro e só poderá ser recibida seis meses despois da segunda. Ata agora xa estaban a recibir esta dose de reforzo as persoas que viven en residencias da terceira idade e os pacientes inmunodeprimidos.
Vestas comprométese a estudar unha alternativa para seguir en Viveiro pero non retira o ERE, segundo informa El Progreso. A empresa ábrese a buscar "unha posibilidade de reciclar ou transformar a produción", segundo afirma a Xunta. Foto: CIG
O Consello de Ministros autoriza un rescate de 241 millóns de euros ao grupo hoteleiro Hotusa, que preside o chantadino Amancio López Seijas, o abeiro do Fondo de Apoio á Solvencia de Empresas Estratéxicas, creado pola pandemia. Este grupo empresarial, que tamén é o organizador do denominado Foro La Toja, conta cun plantel de 4.000 persoas e, segundo sinala o Goberno de España, recibe os fondos "exclusivamente" para "cubrir os gastos de nóminas, Seguridade Social e impostos", así como a "garantir a liquidez". Segundo a Sociedad Estatal de Participaciones Industriales (SEPI), "de non recibir o apoio solicitado, arrastraría graves dificultades para manterse en funcionamento".