Interior quere rebaixar de 0,5 a 0,2 a taxa de alcol en sangue para todos os condutores. Actualmente o límite xeral é de 0,5 gramos de alcol por litro de sangue, mentres que para condutores noveles e profesionais está en 0,3. En aire espirado a taxa xeral é de 0,25 mg/l e pasaría a 0,1. A proposta lanzouna este xoves o ministro, Fernando Grande-Marlaska.
Fálase
O alumnado do colexio Altamar de Vigo acode a clase con casco ante a "insalubridade" das instalacións. A asociación de nais e pais do alumnado reclama solucións tanto á Xunta como ao Concello de Vigo. [Imaxe: Federación Asociacións de Veciños de Vigo]
Hugo Mallo, ex-capitán do Celta, é condenado por abuso sexual por tocar os peitos a unha muller que traballaba disfrazada de mascota do Espanyol. Terá que pagar unha multa de 6.000 euros e indemnizar a vítima con outros mil euros. Os feitos ocorreron no estadio do Espanyol en abril de 2019, antes do inicio dun partido entre os dous equipos. [Foto: RC Celta de Vigo SAD]
A Xunta organiza un congreso sobre fusións municipais con 15 homes e unha soa muller, moderadora, ante o que o alcalde de San Sadurniño, do BNG, renuncia a participar. O congreso pretende ser o marco de presentación dun estudo sobre fusións de concellos encargado pola Xunta hai máis de dous anos e medio.
A Casa-Museo Emilia Pardo Bazán celebra o 173 aniversario da escritora, nada o 16 de setembro de 1851, coa estrea de Contos escollidos. Emilia Pardo Bazán dende hoxe, unha serie de vídeos de curta duración nos que as voces convidadas len e comentan fragmentos do relato da homenaxeada que elixiron. A escritora viguesa Ledicia Costas protagoniza a primeira peza, na que comparte un anaco do relato Las medias rojas, unha desgarradora narración que conta a historia de Ildara, unha moza vítima da violencia sexista. Tamén participarán actriz María Vázquez, a poeta Lúa Mosquetera e o poeta Mario Obrero.
Adiada a folga indefinida nas ITV galegas que ía comezar o día 16. CIG, UGT, CC.OO. e CSI-F aceptan paralizala para "dar marxe" ao persoal para analizar a proposta de acordo presentada pola empresa concesionaria no marco da mediación que desenvolve o Consello Galego de Relacións Laborais. Se finalmente non houbese acordo, o paro indefinido principiaría o día 23.
Dimite en pleno o goberno municipal de Mondariz. Os cinco membros da formación independente Alternativa por Mondariz, candidatura máis votada nas municipais de 2023, gobernaban en minoría co alcalde Xoán Carlos Montes -na imaxe- á fronte e aseguran marchar polo "bloqueo absoluto dos tres grupos municipais da oposición", PP (3 edís), BNG (2) e PSdeG (1). "A irresponsabilidade é tan grande que nin sequera renunciando nós a todas as nosas propostas queren sentar a negociar. A intervención do Estado é inmediata e afogarán a economía do Concello e a das veciñas e veciños", afirman. O vindeiro grupo de goberno, agregan, terá "ata finais de setembro para aprobar uns orzamentos e un plan de axuste que salven a Mondariz da parálise"
Rueda promete amortecer parte da suba do recibo do lixo provocado pola incineración en Sogama. O presidente anuncia que a Xunta "transferirá o 60% do incremento aos concellos" para que a cidadanía só teña que pagar o 40% dun tarifazo do que Rueda culpa exclusivamente a Pedro Sánchez. [📸Camión de refugallos no complexo de Sogama en Cerceda, durante unha visita da conselleira de Medio Ambiente, nunha imaxe de arquivo CC-BY-SA Xunta]
As Neves, de Sonia Méndez, chega á plataforma HBO MAX e sitúase entre as películas máis vistas. O filme estreouse a pasada primavera e foi o resultado de cinco anos de traballo dende a produtora Cósmica, que a realizadora dirixe xunto a Nati Juncal. A historia céntrase nas relacións entre un grupo de adolescentes nunha vila galega na que viven transitando a fronteira entre a hiperconectividade e o illamento.
- ENTREVISTA | Sonia Méndez: "As Neves' é unha película de xente boa facendo cousas malas sen querer"
- EN VINTE | Andrea Varela. O talento de Foz que protagoniza ‘As Neves’
A alcaldesa do Valadouro renuncia e entregará ao PP a alcaldía que logrou cos votos de PSdeG e BNG. María José Fernández é a única concelleira do partido independente Udival e, tras as eleccións municipais de 2023, ergueu o bastón de mando cos votos a prol de socialistas e nacionalistas, con cadanseus dous edís, aos que vén de destituír do goberno local. O vindeiro rexedor será José Manuel Lamela, líder local do PP, que ten 4 concelleiros.