A alcaldesa do Valadouro renuncia e entregará ao PP a alcaldía que logrou cos votos de PSdeG e BNG. María José Fernández é a única concelleira do partido independente Udival e, tras as eleccións municipais de 2023, ergueu o bastón de mando cos votos a prol de socialistas e nacionalistas, con cadanseus dous edís, aos que vén de destituír do goberno local. O vindeiro rexedor será José Manuel Lamela, líder local do PP, que ten 4 concelleiros.
Fálase
Rueda admite que non leu o informe do Consello da Cultura crítico con Altri pero dise sorprendido de que "teña tanta importancia como para presentalo en rolda de prensa". O presidente da Xunta tamén asegura que nel "hai conclusións que desmontan" algunhas das críticas que se veñen facendo ao proxecto industrial.
A directora xeral nomeada por Rueda para litigar co Goberno de España asegura que recorrer a Lei de Amnistía dende a Xunta non é unha "decisión política". En entrevista co Faro de Vigo, Isabel Concheiro xustifica como responsable de Asuntos Constitucionais do Goberno galego que o recurso se basea en que a norma "afecta a Galicia"
A Xunta dá por extinguido o incendio de Entrimo que afectou ao parque do Xurés tras queimar 223 hectáreas. Nas últimas horas tamén quedaron extinguidos o incendio de Crecente que obrigara a desaloxar vivendas e outro en Oímbra que sumaron 267 e 27 hectáreas respectivamente. Na imaxe, de @BrifLaza, o incendio de Entrimo.
O incendio de Crecente que obrigou a desaloxar vivendas xa está extinguido tras queimar 267 hectáreas mentres que o de Entrimo, con máis de 200 hectáreas no parque do Xurés, está controlado. Nas últimas horas tamén quedou extinguido outro incendio en Oímbra de 26,98 hectáreas. Na imaxe, de @BrifLaza, o incendio de Entrimo.
O vigués Martín de la Puente gaña xunto con Daniel Caverzaschi a medalla de bronce en dobres de tenis en cadeira de rodas nos Xogos Paralímpicos de París. É o quinto metal conseguido polos deportistas galegos, despois do ouro de Susana Rodríguez Gacio en triatlón e dos bronces de Juan Antonio Saavedra en tiro, Damián Ramos en ciclismo e Judith Rodríguez en esgrima.
Ana Pontón reprocha que Rueda non acudise á apertura do curso universitario na Coruña -na imaxe- por asistir ao encontro de dirixentes autonómicos do PP convocado por Feijóo en Madrid. "Non se pode permitir que atenda a compromisos partidistas en vez de cumprir cos que ten como presidente da Xunta", di a portavoz nacional do BNG, que si estivo no acto solemne, no que o Goberno galego estivo representado polo conselleiro de Educación, Román Rodríguez, e dous delegados territoriais canda outras autoridades como a alcaldesa coruñesa, Inés Rey. No seu discurso o reitor da UDC, Ricardo Cao, reclamou da Xunta maior financiamento estrutural para as universidades públicas. [Imaxe: © UDC]
O PPdeG pregunta cando vai recibir Sánchez a Rueda tras a súa investidura como presidente da Xunta hai cinco meses. Faino o mesmo día en que Feijóo reúne en Madrid os presidentes autonómicos do PP, incluído Rueda, para desbotar negociacións bilaterais con Sánchez do financiamento autonómico. Un encontro no que o PP tentou reproducir a estética dunha Conferencia de Presidentes pero sen respectar a precedencia protocolaria destas.
O PP coloca no Consello Consultivo de Galicia o maxistrado Andrés Lago Louro, segundo instrutor da causa penal polo accidente de Angrois, proceso que se estendeu durante case dez anos. Lago Louro propuxo en 2016 xulgar só ao maquinista do Alvia pero a Audiencia da Coruña rectificouno e finalmente a sentenza emitida hai mes e medio condenou tamén a un ex-cargo de Adif. Lago Louro substitúe no Consultivo a José Luis Costa Pillado, recolocado por Feijóo no Consello Xeral do Poder Xudicial.
O PP descualifica o informe do Consello da Cultura Galega sobre Altri. A través dun comunicado dos eurodeputados Francisco Millán Mon e Adrián Vázquez, os populares pregúntanse "que fai un órgano especializado na cultura valorando unha instalación industrial" e reducen os seus autores a "supostos especialistas" que "participaron ao longo deste ano en mesas redondas, colaboracións con medios de comunicación ou mobilizacións "sempre en contra de Altri" e "como parte da órbita do BNG". "O informe do CCG contrasta coa independencia dos funcionarios da Xunta, que seguen analizando a proposta de forma rigorosa e atendendo unicamente a criterios técnicos", din.