O BNG rexistrará no Parlamento a Lei de creación da Valedoría da Igualdade, un organismo autónomo que "velará polo respecto e a garantía dos dereitos das mulleres no sector privado, con capacidade para impulsar sancións diante de situacións de discriminación por razón de xénero". "Trátase dun organismo público que existe desde hai anos nos países nórdicos, cuxa creación recomendan as institucións europeas, e co que queremos situar a Galiza nos máis altos estándares de defensa da igualdade", asegurou Ana Pontón tras unha xornada de traballo entre máis dun centenar de mulleres da formación nacionalista.
A portavoz nacional do BNG alertou este domingo da necesidade de introducir a perspectiva de xénero de maneira transversal na xestión municipal, para o que "é fundamental deseñar unha axenda feminista galega. Unha folla de ruta coa que seguir ampliando dereitos e construíndo a Galiza da igualdade: concello a concello, vila a vila".
