A parella de lagarteiros que seguen en directo no proxecto Bird Brother, da granxa ecolóxica Casa Grande de Xanceda, o IES de Curtis e o Grupo Naturalista Habitat, continúa coa observación de como se relacionan coas súas crías e as alimentan. O lagarteiro é unha especie "asociada ao mosaico agrícola galego" que está en declive. O directo desde a casa-niño pódese seguir aquí.
Fálase
O Deportivo da Coruña ascende á Segunda división do fútbol masculino. O conxunto coruñés consuma o seu regreso ao fútbol profesional tras vencer 1-0 ao Barça Atlètic en Riazor. Milleiros de persoas celebran o ascenso nas rúas da cidade. O ascenso chega menos dun mes despois do logrado polo equipo feminino do club á Primeira [Imaxe: RC Deportivo]
O Obradoiro descende á Liga LEB tras trece anos na ACB. O conxunto compostelán perde a categoría malia a súa ampla vitoria ante o Joventut de Badalona (97-71) en Sar, xa que para mantela precisaba dunha derrota do Granada ante o Gran Canaria que non se produciu.
ERC e Junts piden alongar a xornada electoral pola incidencia en Rodalies. ERC e Junts decidiron pedir ás xuntas electorais provinciais que se prolongue a xornada electoral deste domingo en Cataluña pola incidencia xeneralizada en Rodalies tras un roubo de cobre que paralizou a liña de Renfe. A participación nos comicios cataláns deste domingo sitúase ás 18.00 no 45,80%. A cifra é 0,19 puntos superior á dos comicios de 2021 cando a afluencia ás urnas foi do 45,61% á mesma hora, unha cifra moi baixa afectada aínda pola pandemia.
O PSdeG cualifica de "incoherente e lesiva" a extinción da Axencia Galega da Industria Forestal. A portavoz de Política Forestal do Grupo Socialista, Carmen Dacosta vén de presentar unha iniciativa parlamentaria para preguntar ao Goberno galego pola absorción da axencia forestal pola Consellería de Economía. Carmen Dacosta advirte de que esta decisión, que tomou o presidente da Xunta o pasado 22 de abril, supón “un gran paso atrás na aposta polas políticas públicas ligadas ao monte e á industria da madeira”.
Contra a eólica mariña: “Os mares non se venden”. Centos de pescadores concentráronse este sábado ante a lonxa de Cangas (Pontevedra) para protestar contra os proxectos de eólica mariña que se prevén levar a cabo nas costas galegas. “Goberne quen goberno, os mares non se venden", reivindicaron.
[Foto: BNG]
Caixa Rural Galega acada un resultado histórico en 2023, cun crecemento superior ao 140% . Na asemblea xeral celebrada este sábado a entidade con sede en Lugo aprobou as contas do exercicio 2023, das que destaca un beneficio neto que superou os 21 millóns de euros, o que supón un incremento superior ao 140% respecto do ano anterior e novamente unha cifra récord. Este incremento foi debido á mellora de marxes froito da subida de tipos de xuro oficiais que levou a cabo o Banco Central Europeo ao longo do exercicio, segundo explica a entidade presidida por Manuel Varela.
Constituída a xunta de goberno do Colexio de Xornalistas de Galicia, a primeira cunha decana á fronte. Este sábado tomou posesión a nova xunta de goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG), que por primeira vez está encabezada por unha muller. A nova decana, Belén Regueira Leal, afirmou que é positivo que o xornalismo e o seu papel na consolidación da democracia estean no debate público e destacou que "é indispensable que se escoite, ben forte, a voz dos e das profesionais da información".
A Xunta remuda os xerentes das Áreas Sanitarias de Santiago, Ferrol e Ourense. A Consellería de Sanidade vén de nomear a Ángel Facio Villanueva (na foto) novo xerente da área Sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza. Substitúe no cargo a Eloína Núñez Masid. Este sábado a Xunta tamén nomeou a Fernanda López Crecente como xerente da área sanitaria de Ferrol, posto ocupado ata o de agora por Ángel Facio; e novo xerente da área sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras a José Santiago Camba Bouzas.
O Básquet Coruña ascende á ACB e o Breogán continuará nela. O equipo coruñés logra o ascenso á máxima categoría do baloncesto masculino mesmo antes da fin do seu partido en Melilla, que ganou 74-80, por mor da vitoria do Lleida en Menorca (105-70) na xornada final da liga regular da LEB Ouro. O conxunto lucense, pola súa banda, consegue a permanencia matemática tras imporse ao Andorra por 97-92. O vindeiro domingo o Obradoiro pugnará por seguir tamén na ACB, para o que precisa vencer ao Joventut e que o Granada perda ante o Gran Canaria [Imaxes divulgadas por Leyma Básquet Coruña e Río Breogán este serán]