A calidade do aire en Lugo cualifícase como "moi mala" nas últimas horas debido á concentración de partículas contaminantes. A medición de MeteoGalicia [na imaxe] na estación industrial localizada na área rural de Vilar, no concello de Lugo, ao sur da empresa Tableros Hispanos, S.L.U, propietario da mesma, achega cifras de contaminación elevadas pola intrusión de masas de aire africano. As recomendacións neste nivel de contaminación indican que se trata de condicións de "emerxencia para a saúde pública" e que "a poboación enteira pode verse seriamente afectada". Ademais, sinálase que é recomendable evitar toda actividade física no exterior mentres se manteñan os elevados niveis de contaminación.