Goberno central e sindicatos CC.OO e UGT pactan a suba das cotizacións un 0,5% para as empresas e un 0,1% para os traballadores durante os vindeiros dez anos. A patronal CEOE quedou fóra do acordo.
Fálase
O reitor da Universidade de Santiago confirma o adianto electoral na institución académica. As eleccións á reitoría celebraranse o vindeiro 23 de febreiro de 2022. Os anteriores comicios na USC celebráronse en abril de 2018 e neles, Antonio López impuxérase con claridade a Juan Viaño. [Imaxe: © USC]
O xuíz non cre a nova testemuña que identificou o presunto asasino de Jimmy e volve dar por pechado o caso. O maxistrado non dá crédito ao testemuño dunha muller que sinalou o presunto autor da morte do seareiro deportivista e o Xulgado de Instrución número 20 de Madrid dá por finalizada a investigación logo de que a Audiencia Provincial o obrigase a reabrir a causa. A Liga de Fútbol profesional xa adianta que recorrerá este novo auto, ao igual que a familia do falecido.
Activistas de Greenpeace despregan faixas na planta de Reganosa (Mugardos) co lema O gas é caro e contamina para "denunciar a dependencia do gas" na xeración eléctrica e "sumármonos ás mobilizacións para pedir a súa eliminación e do resto de combustibles fósiles", sinala a organización ecoloxista. O vídeo da acción pode verse nesta ligazón [Imaxe: Greenpeace]
O PSdeG de Ourense finaliza a súa "peregrinación" a Madrid. Con esta iniciativa, os socialistas ourensáns pretenden "reclamar o amparo das institucións estatais, co fin de acabar co reparto caciquil dos cartos" por parte de Baltar, din.
Unha avaría nun aeroxerador do parque eólico Penas Grandes (Carballedo) provoca un incendio na serra do Faro. O lume foi controlado pouco despois, tras arder algo máis dunha hectárea. Imaxe divulgada por bombeiros forestais da UGT.
Pablo Casado asegura que a enerxía de orixe solar non pode ser empregada cando é de noite porque "non emite". O líder do PP afirmouno durante un acto de partido no que tamén se mofou de que "a esquerda" se "queixe de que os muíños", en referencia aos aeroxeradores eólicos, "danan a paisaxe". Posteriormente, a súa contorna e el mesmo nas redes sociais indicaron que se refería a que a enerxía con esta orixe non pode ser xerada de noite nin almacenada a gran escala. Recolle as súas palabras este vídeo de ElHuffPost
Comeza en Santiago a manifestación da plataforma SOS Sanidade Pública, convocada baixo o lema Salvemos a atención primaria!.
A Asemblea Xeral da Rede Europea pola Igualdade das Linguas, que concluíu este sábado en Santiago, secunda a reclamación de "tratamento igualitario de todas as linguas oficiais na nova Lei do Audiovisual". No encontrou, no que A Mesa pola Normalización Lingüística actuou como anfitrioa, os colectivos subliñaron tamén o seu rexeitamento ao vixente decreto sobre uso das linguas no ensino en Galicia.
Competencia abre unha investigación ás eléctricas por non emitir facturas desde xuño. A CNMC traballa en coordinación coas comunidades autónomas e o Ministerio de Consumo. Os atrasos na facturación provocaron xa queixas de particulares e organizacións en Galicia.