A Xunta e o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia inician as sesións formativas que desenvolverán nas redaccións dos medios de comunicación do país para contribuír a informar con rigor sobre a conduta suicida. O tratamento informativo da conduta suicida non admite simplificacións nin frivolidades, por este motivo, profesionais do Sergas, do Colexio de Xornalistas, do 112 e persoal docente das facultades de Ciencias da Comunicación e Medicina da USC coincidiron en unir esforzos para deseñar unha guía que promova o tratamento de noticias, entrevistas ou reportaxes responsables. Estes obradoiros forman parte do 'Plan estratéxico de saúde mental 2026-2030', e continuarán ao longo de 2027.