A Xunta pecha os locais de lecer nocturno e prohibe festas e verbenas nos nove concellos da comarca da Coruña para "frear a expansión" dos brotes de coronavirus por "risco de transmisión comunitaria" na zona. Ademais, suspende visitas e saídas nas residencias de maiores e pecha os centros de día na área sanitaria da Coruña-Cee A área sanitaria coruñesa ten este venres 177 casos "activos" da COVID-19 e suma 18 dos 44 novos positivos rexistrados en Galicia nas últimas vinte e catro horas. Estamos a ampliar a información neste espazo
Fálase
Miguel Santalices, reelixido presidente do Parlamento cos votos do PP. As votacións ratifican que a vicepresidencia primeira volve ser para Diego Calvo (PP) e a vicepresidencia segunda corresponde a Montse Prado (BNG). A Mesa completouse coas secretarías noutra votación: a primeira é para Corina Porro (PP) e a segunda, para Marina Ortega (PSdeG). Neste espazo de Praza.gal, o máis destacado da sesión constitutiva da XI Lexislatura
Miguel Santalices recunca esta mañá como presidente do Parlamento na undécima lexislatura. O PP vén de confirmar que volve optar polo veterano parlamentario ourensán, que exerce o cargo dende 2016 e manteñen na Mesa a Diego Calvo como vicepresidente, agora secundado por Corina Porro como secretaria primeira. Os conservadores continuarán tendo a Pedro Puy como voceiro e outorgan á lucense Elena Candia unha terceira viceportavocía xunto ás de Miguel Tellado e Paula Prado.
🔴📺AO VIVO | Dende as 11, constitución do Parlamento da XI Lexislatura. Pódese seguir a sesión en directo na web da Cámara galega.
Unha vintena de científicos e investigadores, entre eles o galego Juan Gestal, reclaman unha investigación independente sobre a xestión da pandemia do coronavirus por parte do Goberno de España e das comunidades autónomas. Fano nunha carta publicada na prestixiosa revista científica The Lancet.
Juan Carlos de Borbón voou o luns de Vigo aos Emiratos Árabes nun voo privado, segundo o ABC. Nos últimos días especulárase con que o rei emérito viaxara a Portugal ou á República Dominicana xusto antes do anuncio da súa marcha de España en pleno aluvión de escándalos financeiros.
O Concello da Coruña comparece como parte na causa xudicial aberta contra a Liga e o Club de Fútbol Fuenlabrada polo brote de coronavirus importado á cidade. O goberno local, que xa denunciou o caso á Fiscalía, sinala que esta nova decisión se debe á intención de "actuar coa máxima contundencia" contra quen "movidos por intereses espurios, puxeron en risco á cidade" aínda "sabendo que nas súas filas se detectaran positivos" da COVID-19.
27 persoas illadas entre o persoal do hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo tras teren contacto cunha paciente que deu positivo por coronavirus na PCR previa a unha operación cirúrxica, que foi suspendida, informa o Sergas. Recólleo a TVG. Consulta neste espazo de Praza.gal máis información sobre o caso e os datos máis recentes da COVID-19 en Galicia.
A Xunta actualiza os territorios de "obrigado rexistro" para o control de viaxeiros pola COVID-19 antes de que venza o prazo: agora si estará incluído Madrid e fica fóra Portugal. "Continúan na lista Aragón, Cataluña, Navarra e País Vasco", agrega Sanidade, que publicará a resolución nunha edición extraordinaria do DOG, esta tarde. Ampliamos a información neste espazo
O Parlamento instala paneis de seguridade entre os escanos en vésperas da sesión constitutiva da XI Lexislatura, que se celebra este venres, para evitar contaxios do coronavirus. Aínda que o lexislativo galego ten habilitada a votación telemática para algúns supostos, o Regulamento fixa que todos os seus membros estean presentes para prometer ou xurar o cargo e non dispón de ningún recinto maior que o propio hemiciclo para manter maior distancia entre escanos. (Imaxe: Parlamento de Galicia)