Familiares da galega desaparecida nun barco do CSIC, "indignados" pola "total falta de comunicación" do organismo. Advirten nun comunicado de que levan quince días de "incerteza, sen avances de ningún tipo".
Fálase
Rinoceronte Editora reforza a súa aposta polas ferramentas de consulta en aberto e suma dous dicionarios ademais de actualizar o Dicionario Castelán-Galego. A editora con sede en Cangas do Morrazo presenta un dicionario de latín-galego baseado na aplicación para dispositivos móbiles Latingal, desenvolvida por José Carracedo Fraga e Raúl Gómez Pato, con máis de 24.000 entradas; e un dicionario etimolóxico para saber máis sobre a procedencia das palabras galegas, que conta cunhas 4.000 entradas e unha bibliografía –que tamén compartirán no seu sitio web– grazas ao traballo de David Rebolo Magariños.
PP e PSdeG votan en contra da ILP que pedía a corrección da letra do himno galego. A proposta impulsada por Vía Galega e Galiza Cultura fora asinada por unhas 16.000 persoas e só recibiu o apoio do BNG.
No Día Europeo das Linguas, a Real Academia Galega reclama que a presenza do galego nas institucións se estenda á UE de acordo cos "valores que inspiran a construción europea". Henrique Monteagudo, coordinador do Seminario de Sociolingüística, celebra nun artigo o "avance moi significativo" que supón o uso da lingua propia no Congreso, "asumindo integralmente o pluralismo lingüístico dos pobos que compoñen o Estado".
Castro Caldelas repetirá o 26 de novembro as súas eleccións municipais. A xunta electoral decidira a repetición dos comicios tras non contabilizarse 118 votos por correo que poderían ter decidido o resultado. A actual alcaldesa en funcións, Sara Inés Vega (PSdeG), obtivo a maioría absoluta por 27 papeletas.
Este luns comeza a vacinación dos bebés contra a bronquilite e a conxunta gripe-COVID dos colectivos vulnerables.
Feijóo volve saír á rúa contra Sánchez, agora acompañado de Aznar e Rajoy, dos que di que "non son o pasado, son o presente e a guía para o futuro". Dous días antes do seu debate de investidura, para o que non ten apoios, o líder popular celebra en Madrid un acto "pola igualdade de todos os españois".
- HEMEROTECA (10/2/2019) | Feijóo únese en Madrid á marcha da dereita e carga contra Sánchez por "negociar a soberanía nacional"
- HEMEROTECA | Feijóo, por tras da pancarta trece anos despois
Inés Rey, alcaldesa da Coruña, é elixida vicepresidenta da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP). Tras as municipais de maio a nova correlación de forzas nos concellos a nivel estatal fai que o vigués Abel Caballero deixe a presidencia que ocupaba desde hai oito anos en favor da alcaldesa de Jerez, do PP, mentres o PSOE dá a vicepresidencia que agora lle corresponde a Rey.
O Tribunal Europeo de Dereitos Humanos admite a trámite os recursos de Junqueras e outros condenados contra a sentenza do procés. Estrasburgo dá de prazo a España ata o vindeiro 12 de xaneiro para se pronunciar.
"#Seacabó A nosa loita é unha loita global". A selección feminina de Suecia únese á de España nas súas reivindicacións antes do partido que as enfronta en Gotemburgo.