"#Seacabó A nosa loita é unha loita global". A selección feminina de Suecia únese á de España nas súas reivindicacións antes do partido que as enfronta en Gotemburgo.

"#Seacabó A nosa loita é unha loita global". A selección feminina de Suecia únese á de España nas súas reivindicacións antes do partido que as enfronta en Gotemburgo.
Rematan en Bértoa (Carballo) os traballos de exhumación de catro vítimas da represión franquista. A ARMH atopou catro corposo que cre que son os de Francisco Miguel Fernández Díaz, Juan Boedo Pardo, de Pedro Pinilla Calvete e o do seu pai Pedro Pinilla Fraga.
O BNG considera "machismo intolerable" o comentario dun concelleiro do PP en Santiago, Adrián Villa, que cualificou de "fashionarias" a Ana Pontón e Yolanda Díaz. O PP defende o seu concelleiro e di que non insultou a ninguén senón que só pretendía facer unha "denuncia política lexítima". O PSdeG amosou tamén a súa "repulsa" polo devandito comentario.
Ultimato dos sindicatos á Xunta: ou convoca a mesa do naval ou haberá folga. Tras a morte onte dun operario no estaleiro Armón de Vigo, os traballadores do sector saíron este xoves á rúa para exixir melloras nas condicións laborais. Os representantes sindicais dan un prazo de 15 días ao Executivo galego antes de convocar folga xeral. [Foto: CIG]
Representantes do sector pesqueiro piden unha "moratoria" para a eólica mariña. Un informe da UDC sobre o decreto que aproba as áreas de eólica mariña en Galicia di que "non respecta" o marco europeo.
A Garda Civil sinala o exceso de velocidade como causa do accidente de bus que causou sete mortes en Cerdedo. O delegado de Goberno en Galicia pide "prudencia" aos alcaldes que relacionaron o sinistro co estado da vía.
A conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, asegura que "ningún eólico sae adiante se produce un impacto significativo" tras varias sentenzas firmes nos últimos anos que dixeron o contrario. Vázquez inaugurou unhas xornadas sobre implicacións xurídicas da enerxía eólica en Galicia despois de que o TSXG e xuíces tivesen que defenderse en público hai unhas semanas ante as presións de Xunta e empresas polas sentenzas contrarias a parques eólicos.
España pacta con Bruxelas descartar as peaxes nas autovías a cambio de potenciar o transporte sostible, en especial o ferrocarril.
O ex-director xeral de minas da Xunta, Ángel Bernardo Tahoces, declara este xoves no Xulgado de Instrución número 3 de Santiago como investigado por ter presuntamente asinado informes con falsidades para beneficiar a mineira de San Finx, en Lousame. A Confraría de Pescadores de Noia, Ecoloxistas en Acción e Verdegaia están persoadas na causa penal como acusación popular. Máis información, hoxe en Praza.gal [Na imaxe, Tahoces entrando a declarar nos xulgados de Santiago en 2022 CC-BY-SA Praza Pública]
A Xunta declara os dous primeiros focos de Enfermidade Hemorráxica Epizoótica (EHE) en dúas explotacións de gando bovino nos concellos coruñeses da Capela e Abegondo. A EHE é unha enfermidade infecciosa pero non contaxiosa producida por un virus que se transmite aos animais exclusivamente a través da picadura de mosquitos do xénero Culicoides spp, detalla Medio Rural. [Imaxe de arquivo CC-BY-SA Unións Agrarias]