A Garda Civil sinala o exceso de velocidade como causa do accidente de bus que causou sete mortes en Cerdedo. O delegado de Goberno en Galicia pide "prudencia" aos alcaldes que relacionaron o sinistro co estado da vía.
Fálase
A conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, asegura que "ningún eólico sae adiante se produce un impacto significativo" tras varias sentenzas firmes nos últimos anos que dixeron o contrario. Vázquez inaugurou unhas xornadas sobre implicacións xurídicas da enerxía eólica en Galicia despois de que o TSXG e xuíces tivesen que defenderse en público hai unhas semanas ante as presións de Xunta e empresas polas sentenzas contrarias a parques eólicos.
España pacta con Bruxelas descartar as peaxes nas autovías a cambio de potenciar o transporte sostible, en especial o ferrocarril.
O ex-director xeral de minas da Xunta, Ángel Bernardo Tahoces, declara este xoves no Xulgado de Instrución número 3 de Santiago como investigado por ter presuntamente asinado informes con falsidades para beneficiar a mineira de San Finx, en Lousame. A Confraría de Pescadores de Noia, Ecoloxistas en Acción e Verdegaia están persoadas na causa penal como acusación popular. Máis información, hoxe en Praza.gal [Na imaxe, Tahoces entrando a declarar nos xulgados de Santiago en 2022 CC-BY-SA Praza Pública]
A Xunta declara os dous primeiros focos de Enfermidade Hemorráxica Epizoótica (EHE) en dúas explotacións de gando bovino nos concellos coruñeses da Capela e Abegondo. A EHE é unha enfermidade infecciosa pero non contaxiosa producida por un virus que se transmite aos animais exclusivamente a través da picadura de mosquitos do xénero Culicoides spp, detalla Medio Rural. [Imaxe de arquivo CC-BY-SA Unións Agrarias]
Galicia, terceira comunidade por recadación no imposto temporal ás grandes fortunas. Conta con 91 declarantes que pagan 9,8 millóns de euros, só por detrás de Madrid e Andalucía, segundo datos do Ministerio de Facenda. As tres autonomías suman máis do 95% dos contribuíntes e da declaración. A Xunta recorrera este gravame estatal. Foto: CC-BY-SA Cottonbro.
Falece un traballador nun estaleiro en Vigo. Un operario dunha empresa auxiliar morreu este mércores en Armón, logo de quedar atrapado nun guindastre. Tiña 41 anos.
A Deputación de Pontevedra nomea a Ángeles Tilve Jar como directora do Museo de Pontevedra. A historiadora da arte leva máis de tres décadas vencellada á institución cultural como conservadora de fondos xerais e responsable da súa área de coleccións. É a primeira muller que accede á dirección do Museo de Pontevedra, cargo que ocupaba desde 2019 o arqueólogo José Manuel Rey, que chegara ao posto tras un concurso convocado polo ente provincial. [Fotografía CC-BY-SA Rafa Estévez/Deputación de Pontevedra]
Aviso amarelo por chuvias e vento nas provincias da Coruña e Pontevedra e na Mariña nas últimas horas deste mércores e primeiras do xoves.
A Xunta eleva ao Supremo a sentenza que ampliaba a 22 semanas o permiso de paternidade dun empregado público. A Consellería de Facenda alega que a sentenza do TSXG de xuño non é de aplicación xeral, senón só para un caso concreto e recorre ao TS por “seguridade xurídica”.