Os EUA confirman que imporán aranceis do 25% contra México e Canadá desde mañá sábado. Tamén aplicará o 10% sobre China. Foto: CC BY-SA Gage Skidmore.

Hoxe é o Día de Rosalía e hai moitas formas de celebralo
Os EUA confirman que imporán aranceis do 25% contra México e Canadá desde mañá sábado. Tamén aplicará o 10% sobre China. Foto: CC BY-SA Gage Skidmore.
Afundación renova o seu padroado e Xosé Carlos Caneiro deixa de ser vicepresidente substituído por Santiago Camba, xerente da área sanitaria de Ourense, Verín e O Barco e antes secretario xeral de Emigración con Feijóo e de Xuventude con Fraga. Como presidente da obra social de Abanca continúa Miguel Ángel Escotet, curmán de Juan Carlos Escotet, máximo responsable do banco.
O penúltimo treito da A-54 Lugo-Santiago, entre Palas e Melide, entra en servizo o luns, á espera de que ao longo deste ano abra tamén o derradeiro, Melide-Arzúa. Á inauguración do luns asistirá o ministro de Transportes, Óscar Puente. A primeira pedra do primeiro treito da autovía, entre Santiago e Lavacolla, púxose en 1996, hai 29 anos.
O presidente de RTVE confirma que a canle infantil Clan emitirá os seus contidos en galego. José Pablo López asegura que a corporación estatal traballa na versión en lingua galega dos contidos para a rapazada e que iniciará un proceso para ampliar a presenza do idioma de Galicia na televisión pública.
Condenan o Concello de Vigo a pagar máis de 1,5 millóns á promotora do concerto de Guns N' Roses en xuño de 2023 en Balaídos. O xulgado do Contencioso-administrativo número 2 de Vigo considera probado que "os pregos estaban feitos a medida desa negociación contractual que se levaba desenvolvendo entre as partes cos indispensables meses de antelación para a viabilidade da súa frutificación". A finalidade do servizo de contratación, segundo se indica no fallo, era "outorgar a vestimenta xurídica e formal adecuada a unha contratación preexistente". O Goberno local xa anunciou que recorrerá a sentenza porque di que "contén erros manifestos". [📸 Live Nation España]
O ascensor HALO de Vigo, aberto hai case un ano, rexistrou este Nadal unha media de 18.000 usuarios ao día. Desde a súa apertura o pasado febreiro a media global é de 12.000 persoas diarias.
Feijóo recúa e o PP votará "si" ao decreto que recupera as medidas sociais derrogadas polo seu "non" canda Vox e Junts. Os conservadores xustifican a súa mudanza pola aprobación de medidas como a revalorización das pensións e malia incluír o decreto outras que descualificaron con dureza nos últimos días, como a devolución ao PNV dun edificio en París incautado polos nazis e entregado á ditadura franquista. Co "si" de Junts garantido, o cambio de criterio do PP garante ao Goberno de España que a votación saia adiante por unha ampla maioría absoluta. Na imaxe [© PP], o ex-presidente e actual líder popular, este martes nun acto en Madrid.
Mudanza na Presidencia do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. José María Gómez y Díaz-Castroverde non presentará a súa candidatura para a reelección ao cargo no que leva desde 2019 "para centrarse na súa función xurisdicional como maxistrado do alto tribunal", segundo traslada o gabinete de prensa do TSXG, que apunta que para Díaz-Castroverde "é o momento de dar paso a novos proxectos e ideas que contribúan a seguir mellorando o funcionamento e a imaxe da xustiza" no noso país. A convocatoria da praza vacante na Presidencia do TSXG sae publicada no BOE deste mércores. [📸 O actual presidente do TSXG co vicepresidente Diego Calvo, responsable da administración de Xustiza en Galicia CC-BY-SA Xunta]
As oposicións de Educación deste 2025 terán 1.664 prazas, 1.424 delas de acceso libre. A Consellería publica o detalle das 50 especialidades para as que cubrirá prazas con este proceso selectivo cadrando co seu envío aos sindicatos do sector. Trátase de 426 para o corpo de mestres, 918 para profesorado de ensino secundario, 80 para profesorado especialista en sectores singulares de FP, 10 para acceso ao corpo da inspección educativa e 230 de acceso do subgrupo A2 ao A1. Pódense consultar nesta ligazón
Detido pola Garda Civil o ex-deputado de AGE Xabier Ron nunha operación que incluíu rexistros no instituto de Pontedeume no que é profesor, segundo adiantou El Correo Gallego. O caso está instruído polo xulgado número 1 de Santiago, que decretou o segredo e non facilitará datos dun sumario que, atendendo ao revelado por El Progreso, investiga unha denuncia por agresión sexual. Ron foi membro da Cámara galega na lexislatura 2012-2016 e candidato en 2007 e 2011 á alcaldía de Santiago por Esquerda Unida, que nun comunicado subliña que Ron xa non ten vencellos coa formación e, ao tempo, resalta a "sorpresa" coa detención, a necesidade de respectar a presunción de inocencia e a "confianza" na investigación.