Feijóo defende os bispos fronte o párroco de Xestoso que os chamou “terroristas” por silenciar abusos pederastas. “Chamar terroristas aos bispos creo que non é de recibo, e eu non son bispo de nada”, di o presidente, que engade que “o que ten que facer calquera sacerdote se ten probas é denuncialo”.
Fálase
O pleno do Congreso vota hoxe a convalidación da reforma laboral pactada polo Goberno do PSOE e UP cos sindicatos CC.OO. e UGT e a patronal CEOE. O Executivo chega á votación cun número de votos afirmativos moi axustado nos que non participan os seus socios habituais e si grupos como Ciudadanos, PDeCat ou UPN. Se o proxecto é rexeitado, decaerá a reforma e volverá estar en vigor integramente a de 2012. Na imaxe, a ministra de Traballo e vicepresidenta segunda, Yolanda Díaz, no pleno durante a sesión de control, o mércores [© Congreso]
Televisión Española revela que o 70% do voto da audiencia do Benidorm Fest foi para Tanxugueiras, que obtiveron o 15% do apoio do "xurado demoscópico" do certame. Ante o balbordo xerado e as peticións de transparencia, RTVE deu en facer públicos os datos en rolda de prensa e tamén a acta coas puntuacións do xurado, que deixou o grupo galego coa terceira menor puntuación entre os participantes na final mentres que apoiou sobre todo á gañadora, Chanel, que no voto popular quedou un chisco por baixo do 4%. A corporación estatal defende a limpeza do proceso e a actuación do xurado que, di, non recibiu presión ningunha. [Foto: © Rocío Cibes]
Luis Rodríguez Patiño, cura párroco en Xestoso (Monfero), censura "o silencio da xerarquía eclesiástica ante a actuación dos sacerdotes pederastas" e, "en canto á postura da Conferencia Episcopal", afirma que "considero terroristas a todos aqueles que co seu silencio trataron de ocultar a podremia da acción". "Son terroristas porque terror é o que sente o que o padece, o que sofre cando non pode contalo" ou o que lle "dá pensar en denunciar". Ese mesmo terror, agrega, "vai desaparecendo cando vai curando a ferida. Rodríguez Patiño, quen resalta que "son escasos os pedófilos en relación ao número total de sacerdotes", realizou estas reflexións durante a liturxia do Día da Candeloria.
PARO REXISTRADO | As inscricións nas oficinas de emprego aumentaron en 1.348 (+0,88, unhas tres décimas por riba da media estatal) en xaneiro en Galicia o paro rexistrado queda en 153.932 persoas, un 17,23% menos que hai un ano (-21,22% na media estatal). No mesmo mes, a afiliación media á Seguridade Social caeu en 10.831 persoas (-1,05%, dato moi semellante ao estatal), pero o total de 1,02 millóns supón 29.616 persoas máis que no primeiro mes de 2021 (+2,98% fronte ao 4,24% da media estatal).
O Congreso aproba a prolongación da máscara obrigatoria ao aire libre aínda que haxa distancia de seguridade. A medida foi incluída nun Real Decreto que incluíu medidas de revalorización das pensións non contributivas, mínimas ou de viuvez, ligazón que suscitou múltiples críticas dos grupos ao Goberno. Durante o debate, a ministra de Sanidade afirmou que o Executivo prevé flexibilizar proximamente esta obriga, "estritamente temporal" pola boa evolución da pandemia. A votación foi afirmativa por estreita marxe, con 162 votos a prol (PSOE, UP, PNV, BNG, Compromís, Teruel Existe, Coalición Canaria, PRC) 153 (PP, Vox, C's, Foro) en contra e 26 abstencións (ERC, PDeCat, Junts, MP, EH-Bildu, CUP). Na imaxe, persoas con máscara nunha rúa da Coruña.
O Consello de Ministros aproba o proxecto de lei de dereito á vivenda, que agora inicia trámite parlamentario. Segundo o avanzado, o texto definirá como grandes propietarios a quen posúan 10 ou máis vivendas e para eles, contemplará medidas de limitación de prezos. O Executivo do PSOE e UP encadra neste plan o recentemente aprobado bono para o pagamento do alugueiro. Na imaxe [© Pool Moncloa / Fernando Calvo], as ministras de Transportes, Raquel Sánchez -con competencias en Vivenda-, e de Dereitos Sociais, Ione Belarra, flanquean á ministra portavoz, Isabel Rodríguez, ao remate do Consello.
O New York Times merca Wordle. O xogo de palabras creado por Josh Wardle, que consiste en adiviñar unha palabra de cinco letras cada día, ten millóns de visitas cada día e foi adaptado ao galego por Abraham Martínez. Cóntao a revista Morcego
A USC crea Neofalantes.gal, un portal informativo que busca "impulsar e valorar" o paso ao galego de persoas que non falan a lingua habitualmente e que contará cunha "activa presenza" nas redes sociais, especialmente Instagram e Tik Tok. Nunha segunda fase traballará nunha ferramenta tecnolóxica interactiva que funcionará a xeito de rede social entre a comunidade neofalante
Bernardo Fernández, alcalde de Pontedeume, novo secretario xeral do PSdeG na provincia da Coruña tras gañar as primarias co 77% dos votos (1.902) fronte ao 23% (558) da deputada Noa Díaz.