Televisión Española revela que o 70% do voto da audiencia do Benidorm Fest foi para Tanxugueiras, que obtiveron o 15% do apoio do "xurado demoscópico" do certame. Ante o balbordo xerado e as peticións de transparencia, RTVE deu en facer públicos os datos en rolda de prensa e tamén a acta coas puntuacións do xurado, que deixou o grupo galego coa terceira menor puntuación entre os participantes na final mentres que apoiou sobre todo á gañadora, Chanel, que no voto popular quedou un chisco por baixo do 4%. A corporación estatal defende a limpeza do proceso e a actuación do xurado que, di, non recibiu presión ningunha. [Foto: © Rocío Cibes]
