O New York Times merca Wordle. O xogo de palabras creado por Josh Wardle, que consiste en adiviñar unha palabra de cinco letras cada día, ten millóns de visitas cada día e foi adaptado ao galego por Abraham Martínez. Cóntao a revista Morcego
Fálase
A USC crea Neofalantes.gal, un portal informativo que busca "impulsar e valorar" o paso ao galego de persoas que non falan a lingua habitualmente e que contará cunha "activa presenza" nas redes sociais, especialmente Instagram e Tik Tok. Nunha segunda fase traballará nunha ferramenta tecnolóxica interactiva que funcionará a xeito de rede social entre a comunidade neofalante
Bernardo Fernández, alcalde de Pontedeume, novo secretario xeral do PSdeG na provincia da Coruña tras gañar as primarias co 77% dos votos (1.902) fronte ao 23% (558) da deputada Noa Díaz.
As sondaxes ao peche dos colexios electorais en Portugal auguran unha vitoria folgada para o Partido Socialista nas eleccións lexislativas e un forte ascenso da extrema dereita do CHEGA.
Arden algo máis de 200 hectáreas en media ducia de incendios forestais na provincia de Ourense. Segundo Medio Rural, tres focos atinxen ao parque natural do Xurés en Calvos de Randín (40 hectáreas), Entrimo (50) e Muíños (8). A eles engádense senllos incendios en Baltar, de 40 e 20 hectáreas, e outro de 60 na Gudiña. A Xunta indica que todos estes incendios agás o da Gudiña comezaron en Portugal. Na imaxe, tirada por membros da Brif de Laza, traballos de extinción no incendio da Gudiña.
As Xuventudes Socialistas elixen como secretario xeral a Xurxo Doval. Na clausura do XVI Congreso da organización xuvenil, celebrado este sábado en Santiago, o secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, instou a mocidade do partido a seren "inconformistas" e non caeren no "aburguesamento" para "non conformarnos con ser terceira forza política, tampouco con ser segunda: o PSdeG ten que ser a primeira forza política de Galicia" porque "o mundo se cambia dende as institucións", afirmou. [Imaxe: CC BY-NC-SA PSdeG]
As Tanxugueiras rematan o Benidorm Fest como as máis votadas polo "xurado demoscópico" (30 puntos) e no voto popular pero, ao obteren só 30 puntos do xurado do festival (a terceira puntuación máis baixa) non lograron a vitoria.
O DOG fai oficiais os cambios nas medidas da Xunta pola COVID que entran en vigor ás 00:00 deste sábado. As mudanzas consisten, esencialmente, en regresar á situación previa aos últimos días de decembro, coa desaparición do veto aos encontros entre non conviventes durante a madrugada e a flexibilización das restricións para hostalería, pubs e discotecas, incluíndo o servizo de barra. A esixencia do certificado COVID mantense sen cambios, unha vez avalada a súa continuidade polo TSXG.
Jácome volve á Deputación de Ourense como deputado de Democracia Ourensana. O alcalde de Ourense, que goberna en bipartito co PP, substitúe no escano a Miguel Caride, un dos membros do grupo de Jácome que abandonara DO e que deixou os seus cargos a finais de 2021. O goberno do PP José Manuel Baltar na institución provincial foi posible en 2019 grazas ao voto de DO, con quen reconstituíu o bipartito en setembro do ano pasado. [Imaxe: © Deputación de Ourense]
O TSXG autoriza a Xunta a prorrogar a esixencia do certificado COVID (de vacinación, recuperación ou proba negativa) ata o 12 de febreiro onde o viña facendo ata agora. Daquela, o requisito seguirá vixente para as visitas a hospitais e residencias, bares e restaurantes, pubs e discotecas, ximnasios e piscinas cubertas, eventos multitudinarios (ata agora, máis de 200 persoas baixo teito ou 500 no exterior) ou aqueles que non o sexan pero nos que se sirva comida ou bebida.