Suspendida a manifestación na defensa da sanidade pública prevista para o domingo 20 en Marín. A Plataforma pola Defensa do Centro de Saúde de Seixo, que agrupa a vinte colectivos e asociacións das parroquias de Santomé de Piñeiro, O Campo, Ardán e Seixo, no concello de Marín, vén de expresar "o profundo pesar" ante o afundimento do pesqueiro Villa de Pitanxo: "Todo o noso cariño e apoio a familiares e amizades dos falecidos e desaparecidos".
A plataforma tamén manda o seu "afecto para a tripulación" do buque galego Playa Menduiña Dos, primeiro en chegar á zona, e á do portugués Novo Virgem da Barca e do resto do dispositivo de rescate. "Nas vilas mariñeiras como a nosa sabemos que o mar dá vida pero tamén causa dor... Quen máis, quen menos ten sufrido este tipo de traxedias no mar e hoxe son oito familias de Marín, compañeiros, amizades e veciñ@s quen choramos a perda dos nosos". Máis adiante, concretarán a nova data da mobilización para defender "o dereito a unha atención sanitaria digna", que xa fora aprazada polo mal tempo.