Ana Miranda promove unha denuncia no Parlamento europeo contra os "obscenos plans" de Trump que pasan pola expulsión do pobo palestino de Gaza. A eurodeputada do BNG desenvolveu unha acción na entrada do hemiciclo de Estrasburgo na que participaron eurodeputadas e eurodeputados de tres grupos políticos: Verdes-ALE, The Left e S&D coa mensaxe "Gaza non se vende". Miranda reclama que a Unión Europea "se molle e diga algo", pois ao seu xuízo, "ten que combater esas políticas anexionistas e eses delirios que ten o presidente Trump".
