Lucía Caride é a gañadora do sorteo dunha fin de semana de turismo rural en Avantos da man do Eixo Atlántico e Praza.gal. Parabéns!

Lucía Caride é a gañadora do sorteo dunha fin de semana de turismo rural en Avantos da man do Eixo Atlántico e Praza.gal. Parabéns!
O Goberno de España rebaixa de 96 a 72 céntimos o prezo máximo de venda ao público das máscaras cirúrxicas. Así o vén de aprobar a Comisión Interministerial de Prezos dos Medicamentos, da que tamén fan parte as comunidades autónomas. A medida chega despois de que o Ministerio de Facenda confirmase a baixada do IVE destes produtos do 21% ao 4%, que será aprobada a vindeira semana tras ser reclamada en numerosas ocasións nos últimos meses pola oposición parlamentaria e diversos colectivos.
O Goberno catalán restitúe a Josep Lluis Trapero como xefe dos Mossos d'Esquadra. A decisión chega tras a absolución de Trapero pola Audiencia Nacional no proceso no que se enfrontou a unha petición de ata dez anos de cadea acusado de colaborar no proceso independentista.
O Consello da Xunta aproba 7,2 millóns en subvencións directas aos centros de ensino concertado "para afrontar gastos de organización e funcionamento no curso 2020/21 derivados da COVID-19". O Goberno galego indica que esta inxección "responde á obriga da Administración de favorecer ao máximo as garantías de seguridade de todos os centros educativos" e subliña que os colexios concertados "aglutinan o 25% do alumnado". O Executivo agrega que estes fondos se inclúen nun paquete xeral de 162 millóns para o conxunto do ensino.
Feijóo avanza que “todo parece indicar” que no que queda de ano xa non haberá oposicións, agardadas por milleiros de aspirantes. O presidente ratificou o compromiso do Goberno galego de “avisar como mínimo cun mes” de anticipación, polo que xa non habería datas no que queda de 2020 para celebrar as probas. Tras a suspensión de todos os exames decretada o pasado abril, a Xunta amosou a súa expectativa de retomalos en outubro, pero só celebrou probas de funcionarización para uns poucos centos de aspirantes.
O pleno do Congreso rexeita as emendas á totalidade dos Orzamentos Xerais do Estado, que seguen así a súa tramitación. As emendas recibiron 150 votos a prol e 198 en contra. Na defensa da súa emenda, o deputado do BNG, Néstor Rego, asegurou que lle "gustaría poder votar a prol na aprobación definitiva" porque "significaría que toman en consideración as medidas necesarias para desbloquear os problemas de Galiza".
O xuízo pola demanda de despedimento colectivo contra Alcoa será o 3 de decembro, segundo vén de informar o TSXG. A multinacional recorreu o auto do Superior que impide a parada das cubas.
O BOE publica a listaxe de países onde os viaxeiros terán que facer probas PCR e ter resultado negativo en COVID-19 un máximo de 72 horas antes antes de viaxar a territorio do Estado español por vía aérea ou marítima. A nova norma inclúe a Portugal, pero non atinxe ás viaxes por terra.
A Xunta reprende os concellos da Coruña, Vigo, Santiago, Ourense e Lugo por "exceso de ocupación nos autobuses urbanos" dous días despois de modificar as restricións do coronavirus para volver permitir ocupar todos os asentos nestes vehículos. Segundo o Goberno galego, está a recibir "queixas nos últimos días" e por iso "lembra" que ten limitadas as prazas de pé a unha sexta parte do espazo e esixe "inspeccións intensivas" a estes gobernos locais.
Xavier Senín, galardoado co Premio Nacional á Obra dun Tradutor, concedido polo Ministerio de Cultura. Como recolle o blog da editorial Hugin e Munin, Senin é autor de máis de 150 traducións ao galego, maioritariamente dende o francés. Súas son, por exemplo, moitas traducións dos álbums de Astérix ao noso idioma. (Imaxe: CC BY-SA AELG)