EPA | A poboación ocupada aumentou en 8.500 persoas en Galicia durante o terceiro trimestre do ano e chega aos 1,12 millóns, o que supón un 0,77% máis que no trimestre previo, un incremento superior á media estatal (+0,38%), e un 0,11% máis que hai un ano (+2,57% na media). No mesmo trimestre, a poboación en desemprego diminuíu en 4.600 persoas ata quedar nunhas 134.800, isto é, un -3,30% trimestral mentres que na media estatal aumenta un 2,08% por subas superiores ao 10% en territorios como Murcia, Asturias ou Madrid. O total de persoas en paro é en Galicia un 6,42% superior ao de hai un ano e na media estatal rexístrase unha diminución interanual do -12,78%.
Fálase
Un neno de 13 anos morre ao caer a parede dun vestiario no IES Julio Prieto Nespereira de Ourense, segundo informa o 112. Outro estudante resultou ferido leve. O caso recaeu no xulgado número 3 da cidade, en funcións de garda, que ademais de autorizar o levantamento do cadáver do menor falecido e a realización da autopsia, deu orde de precintar a zona e fotografala e encargou xa un informe técnico sobre o estado do muro, segundo confirma o TSXG.
A CIG convoca unha folga indefinida nos Servizos de Axuda no Fogar a partir do 2 de novembro e rexeita o preacordo de CCOO e UGT coa patronal para renovar o convenio do sector. O sindicato nacionalista denuncia que este convenio prevé subas salariais por debaixo do IPC e "introduce unha dobre escala salarial que suporá unha discriminación en función do concello no que se traballe"
O Banco Santander logra un beneficio récord de 7.316 millóns de euros ata setembro, segundo a información remitida á CNMV, o que supón un crecemento do 25% interanual. Nesta mesma xornada, a eléctrica Iberdrola vén de presentar uns resultados con ganancias de 3.104 millóns "malia á caída do 14% en España", di a compañía. Ambas empresas están atinxidas polos impostos extraordinarios que ultima o Goberno de España e as dúas rexéitanos. Na imaxe, a presidenta do Banco Santander, Ana Patricia Botín, e o presidente de Iberdrola, Ignacio Sánchez Galán. [© Banco Santander | © Iberdrola]
Continúan polas principais cidades as concentracións previas á manifestación para "rescatar" a CRTVG do "secuestro da Xunta". Este xoves, persoal do comité intercentros dos medios públicos e das organizacións que apoian a mobilización concentráronse en Vigo para "chamar a participar" na mobilización do 6 de novembro en Santiago.
Marilar Aleixandre, galardoada co Premio Nacional de Narrativa 2022 -que concede o Ministerio de Cultura- pola súa obra As malas mulleres. A resolución destaca "a súa orixinal estrutura híbrida que a converte nunha singular novela histórica sobre a situación carceraria das mulleres no século XIX, cun admirable dominio do diálogo e da linguaxe"
Transportes encarga o estudo dunha nova estrada de acceso a Vilagarcía desde a AP-9. O ministerio quere avaliar conxuntamente a futura circunvalación de Caldas de Reis polo oeste e unha nova vía que evite a circulación polas travesías da actual N-640.
WhatsApp cae a nivel global. Persoas usuarias do popular servizo de mensaxería, propiedade de Meta (Facebook) están a reportar o fallo en todo o mundo. Contra as 11 da mañá o servizo comezou a restablecerse sen que a compañía emitise ningún comunicado ao respecto [Imaxe: CC-BY-SA Mourizal Zativa / Unsplash]
Rishi Sunak será o novo primeiro ministro do Reino Unido despois de impoñerse nas primarias do Partido Conservador tras a retirada de Boris Johnson e a falta de avais de Penny Mordaunt. O sucesor de Truss foi ministro de Economía con Johnson e convértese no primeiro gobernante de ascendencia asiática no país e o quinto líder conservador nos últimos seis anos.
A Coruña será a cidade que apoiará a Xunta para acoller a Axencia Estatal de Intelixencia Artificial en Galicia. Así o vén de anunciar o director de Amtega logo da reunión do Nodo Galego de Intelixencia Artificial celebrada esta mañá para analizar o informe sobre a mellor localización en Galicia da futura sede.