Presidida por Álvaro Pérez, deputado da máxima confianza de Feijóo, a comisión do Tribunal de Cuentas avalou en decembro un informe crítico coa lentitude das recuperacións posesorias como a que impulsa Costas en Moaña
O pasado 6 de novembro Praza.gal desvelou en exclusiva que a Dirección Xeral da Costa do Goberno de España iniciaba o proceso para recuperar para o uso público un terreo pechado conxuntamente co chalé mercado en Moaña en 2019 por Eva Cárdenas, parella de Alberto Núñez Feijóo. Iso levou a Cárdenas a pedir unha concesión dese espazo público que agora lle vén de ser denegada.
Un mes despois de coñecerse o caso, o 3 de decembro, deputados e senadores do PP, encabezados por Álvaro Pérez López, home da máxima confianza de Feijóo, reclamaban formalmente ao Goberno máis recursos para "executar eficazmente" procesos de defensa e recuperación de terreos públicos do litoral como as "recuperacións posesorias", o trámite lanzado por Costas que afecta á parella de Feijóo. Así o pedían os populares ao "aprobar" e "asumir" un informe do Tribunal de Cuentas que constata os obstáculos deste tipo de procesos de defensa do dominio público.
Unhas recuperacións posesorias habituais en todo o Estado -316 entre 2011 e 2015, co Goberno de Mariano Rajoy- pero que están a reducirse nos últimos anos a medida que se avanza coa recuperación para o público deses espazos con ocupación privada, xa que cada vez quedan menos pendentes de rescatar.
Terreo público marítimo-terrestre que dá acceso á praia desde a casa de Eva Cárdenas en Moaña
-
Terreo que forma parte do dominio público marítimo-terrestre malia estar pechado de xeito conxunto coa propiedade de Eva Cárdenas -
Terreo público marítimo-terrestre que dá acceso á praia desde a casa de Eva Cárdenas en Moaña -
Porta de acceso á praia desde o terreo que Costas quere recuperar e que foi renovada cos mesmos materiais que o resto de portas e fiestras da casa -
Imaxe do Catastro, á esquerda, coa liña azul que delimita o dominio público marítimo-terrestre, e á dereita delimitación da parcela pública de 210 metros cadrados situada entre a propiedade privada de Eva Cárdenas e a praia -
Terreo que Costas quere recuperar para uso público e que serve de acceso directo á praia do chalé de Eva Cárdenas en Moaña
Segundo o informe que o Tribunal de Cuentas realizou sobre as actuacións en materia de Costas, as recuperacións posesorias de terreos do litoral que a Constitución e a Lei de Costas consideran públicos pero sobre os que pesan "ocupacións de feito" están en "descenso progresivo" en todo o Estado, con 1.412 no período 2006-10, 316 no período 2011-15 e 90 no período 2016-20.
Nas súas conclusións sobre esas actuacións, o Tribunal de Cuentas salienta que "non se están completando todas as actuacións de recuperación posesoria en relación con ocupacións irregulares do dominio público marítimo-terrestre, xa que non existe un inventario unificado na Dirección Xeral das situacións a corrixir, nin tampouco se dispón dos recursos humanos e técnicos suficientes para impulsar as actuacións administrativas precisas para exercer unha acción suficientemente eficaz".
O informe tamén sinala que "persiste un número significativo de parcelas en situacións conflitivas desde o punto de vista xurídico, entre elas, a destacar as afectadas polas disposicións transitorias" da Lei de Costas, "algunhas delas, potencialmente suxeitas a actuacións de recuperación posesoria pola Administración Xeral do Estado, sen que exista un plan que aborde a situación".
A unha desas disposicións transitorias, que contempla a posibilidade de outorgar concesións a anteriores propietarios de terreos declarados públicos pola Lei de Costas, tentou agarrarse Cárdenas cando comezou o proceso de recuperación do seu terreo. Porén, Costas vén de denegarlle esa concesión porque non puido acreditar que ese terreo lindeiro co seu chalé estivese en ningún momento rexistrado a nome de anteriores propietarios do terreo que mercou ela. De feito, como revelou Praza.gal, o anterior propietario nin tiña nin pediu ningunha concesión cando en 2007 o Estado estableceu que ese terreo é público.

O informe do ente fiscalizador sobre os problemas de xestión do litoral, que constata "a complexidade do procedemento e a limitación de medios" de Costas para axilizar as recuperacións posesorias, foi analizado e votado pola comisión mixta Congreso-Senado para as relacións co Tribunal de Cuentas na súa sesión do pasado 3 de decembro, un mes despois de desvelar Praza.gal a situación do chalé de Cárdenas. Esa sesión, que analizou outros varios informes de Cuentas, estivo presidida polo deputado galego Álvaro Pérez López, home da máxima confianza de Feijóo, do que vén sendo asesor persoal cun ou outro cargo desde hai máis de dúas décadas.

Cuentas sinalou que "non se están completando todas as actuacións de recuperación posesoria" por falta de recursos, informe "asumido" polo PP, que apoiou unha iniciativa do PSOE para que Costas poida "executar eficazmente os procedementos administrativos en defensa" do dominio público
Sobre ese informe os grupos parlamentarios presentaron diversas propostas de resolución. Entre as do PP, asinadas por Miguel Tellado, portavoz do grupo popular no Congreso e tamén home de confianza de Feijóo e ex-número 2 do PP galego, as dúas primeiras foron para "asumir" o contido, conclusións e recomendacións do Tribunal de Cuentas e "aprobar" o seu informe.
Pero o PP tamén votou a favor de resolucións doutros grupos. En particular, apoiou unha do PSOE que insta ao Ministerio para a Transición Ecolóxica e á Dirección Xeral da Costa "a corrixir as debilidades na protección e integridade do dominio público marítimo-terrestre, entre as que destaca a insuficiencia de recursos para exercer a vixilancia do dominio público marítimo-terrestre e para tramitar e executar eficazmente os procedementos administrativos en defensa deste".
O informe do Tribunal de Cuentas coas súas conclusións e recomendacións e as propostas aprobadas pola Comisión Mixta foron finalmente publicadas no BOE o pasado 28 de marzo.