Inspección de Traballo require a Política Social, a raíz dunha denuncia sindical, a adoptar "medidas preventivas eficaces" fronte á violencia que sofre o persoal do CAPD da Coruña
O Centro de Atención a Persoas con Discapacidade (CAPD) da Coruña, público con xestión directa da Xunta no lugar das Xuvias, foi escenario en múltiplas ocasións de protestas ou sinalamento de eivas. As mobilizacións máis recentes do seu persoal datan de comezos deste 2026, cando centrais sindicais e traballadoras advertiron, entre outros aspectos, de "caos" organizativo ou escaseza de efectivos que, advertían, repercutían tanto na atención ás persoas usuarias como na seguridade do persoal.
Estas mobilizacións foran acompañadas dunha denuncia ante a Inspección de Traballo asinada polas delegadas de prevención de riscos da CIG, CCOO, CSIF e UGT. O resultado foi un control directo ao CAPD coruñés no que Inspección puido constatar, a partir de información da propia Consellería de Política Social, que o persoal sufriu máis de 200 agresións no último ano e que o centro carece de "condicións concretas de seguridade" para estes episodios.
Nun oficio datado no pasado 6 de xullo e ao que puido ter acceso Praza.gal, a Inspección de Traballo detalla que a cerna das súas pescudas estivo nunha visita ao CAPD da Coruña un mes antes, 3 de xuño, que incluíu entrevistas con dúas das súas responsables. A continuación, este organismo estatal requiriu a Política Social documentación en materia de prevención de riscos laborais no centro e de formación do seu persoal ao respecto, así como "informes de investigación dos accidentes de traballo" no ano previo (de xullo de 2025 a xuño de 2026) "como consecuencia de violencia física de usuarios" e unha "relación de incidencias como consecuencia" destes "actos violentos".
Inspección incide en que o centro ten "tres protocolos de prevención" de agresións das persoas usuarias, pero ningún "establece condicións concretas de seguridade na intervención ante situacións de agresividade"
Sempre segundo a acta da Inspección, a propia documentación da Xunta admite que nese período "se produciron máis de 200 incidentes por agresións físicas de usuarios a traballadores". Este dato, considera, "evidencia a existencia dun risco grave e reiterado, directamente vinculado á actividade desenvolvida no centro, que esixe a adopción de medidas preventivas eficaces".
Pero "malia á entidade dese risco", advirte, a Xunta non foi quen de achegar unha "avaliación completa de riscos do centro". Tampouco os "informes de investigación dos accidentes de traballo con baixa médica derivados de agresións".
Ademais, incide, se ben no CAPD da Coruña "hai elaborados tres protocolos en materia de prevención" destas agresións, ningún deles "establecen condicións concretas de seguridade na intervención ante situacións de agresividade, tales como a prohibición de actuación en solitario con usuarios que presentan condutas violentas ou a fixación dun número mínimo de traballadores para intervir en situacións de risco". Ao mesmo tempo, Inspección de Traballo certifica que o persoal do CAPD recibiu formación nesta materia, pero "resulta limitada".
A inspección impuxo elaborar un "protocolo específico" fronte a agresións, investigalas todas e xeneralizar a formación ao persoal, entre outras medidas. CIG, CCOO, CSIG e UGT considérano "un gran logro na defensa dos dereitos e da saúde laboral"
Neste contexto, a mesma acta da inspección requiriu a Xunta a que nun mes deseñase "un protocolo específico de actuación fronte a agresións físicas" neste centro en concreto e que, no mesmo prazo e de aí en diante "sempre que se produzan, efectúe investigacións das causas dos danos á saúde sufridos polos traballadores". En dous meses Política Social debe "elaborar unha planificación das actividades preventivas necesarias para reducir os riscos psicosociais do centro" e en tres, "facilitar formación suficiente" a todo o persoal "exposto a este risco".
Para CIG, CCOO, CSIF e UGT esta resolución da Inspección de Traballo "demostra que a denuncia imposta polas catro organizacións sindicais foi un gran logro na defensa dos dereitos e da saúde laboral do persoal" do CAPD da Coruña . "Non imos permitir que as agresións e a falta de medidas se sigan normalizando", polo que "estaremos moi atentas e exerceremos unha vixilancia férrea sobre o cumprimento de cada unha das medidas do requirimento", conclúen.