Primeiro chegou a idea da identidade e como nos conformamos: podemos desexar outras cousas sobre nós mesmos e mesmas? Logo agromou o soño da retirada do ruído que hai hoxe en día, das redes sociais e toda a exposición que nos obrigamos a ter. Como fondo, a paisaxe menos popular de Sanxenxo e o Grove e un personaxe que decide dar un paso atrás, e confundirse con esta natureza. Na última película de Ángel Santos (Pontevedra, 1976) hai moitas capas, máis preguntas que certezas e un espazo de reflexión non deliberado. O director vén de estrear a súa terceira longametraxe, Así chegou a noite, desde este xoves nos cinemas, logo do seu paso por diversos festivais. A cinta tivo a súa estrea mundial en novembro no Festival Internacional de Cinema de Xixón, onde Santos obtivo o premio á mellor dirección