O Dépor celebrará "antes de rematar a temporada" unha "consulta vinculante" sobre "o topónimo oficial que debe acompañar a denominación da entidade" entre as persoas abonadas ao club. A directiva deportivista anunciouno no transcurso da primeira edición do seu Foro Social, un espazo para "reforzar as canles de escoita activa coa súa masa social" na que, indica, explicou que a corrección do topónimo se encadra nunha "reflexión institucional baseada en criterios de legalidade, coherencia administrativa e escoita activa" e nun contexto no que procura o "fortalecemento do vínculo coa afección e o papel social e identitario que o RC Deportivo desempeña dentro da cidade e de Galicia". A iniciativa chega nun contexto marcado polo intenso apoio á campaña O Dépor é da Coruña, promovido pola iniciativa Aquí tamén se fala dende o IES Rafael Dieste da cidade, así como por unha enquisa na que socias e socios deron o seu visto e prace masivo á mudanza. [Imaxe: ATSF]