En marcha a nova estrutura do Goberno galego coas tomas de posesión do novo conselleiro do Mar e da nova conselleira de Fomento do Emprego, Alfonso Villares e Elena Rivo, e as asuncións de cargos por parte dos membros do gabinete que mudan de competencias: Diego Calvo é xa vicepresidente primeiro, Ángeles Vázquez vicepresidenta segunda e María Jesús Lorenzana, conselleira de Economía. Segundo o presidente, Alfonso Rueda, esta crise de goberno supón as "primeiras liñas" dun cambio de Goberno en España. Na imaxe [CC BY-SA David Cabezón / Xunta], Rueda despídese de Francisco Conde, ata agora vicepresidente primeiro e titular de Economía, que deixa o Goberno galego para ser cabeza de lista do PP ao Congreso por Lugo.
Fálase
Lara Méndez e Rubén Arroxo asinan o pacto de goberno de PSdeG e BNG no Concello de Lugo para o novo mandato con "cen obxectivos para o crecemento sostible e económico da cidade". Ambos continuarán como alcaldesa e o tenente da Alcaldía nun goberno que, avanzan, manterán un reparto de áreas semellante ao actual, con Economía, Persoal, Urbanismo, Desenvolvemento Local, Medio Ambiente e Medio Rural, Xuventude e Deportes, Servizos Sociais e Muller e Igualdade xestionados polo PSdeG e Mobilidade e Infraestruturas, Cultura e Turismo, Participación Cidadá e Educación, polo BNG.
A selección galega fai historia e xogará o sábado a final da Copa das Rexións da UEFA por primeira vez. O equipo galego amateur impúxose onte a Baviera (1-0) atne máis de 3.000 persoas e loitará o sábado no estadio da Lomba polo título contra Belgrado (19h).
Luís Pérez Barral, do BNG, será o novo alcalde de Ribeira tras pechar un pacto co Partido Barbanza Independiente e o PSdeG que porá fin a máis de tres décadas de alcaldía do PP. Os populares tentaron evitar o acordo enviando ao Senado ao ata agora alcalde, Manuel Ruiz Rivas, para tentar que o PBBI lles permitise reter o goberno con outra persoa á fronte. Máis información, hoxe en Praza.gal
O presidente do Parlamento anima a "tomar conciencia do potencial da nosa condición de comunidade bilingüe e actuar en consecuencia en todos os ámbitos". Miguel Ángel Santalices inaugurou este mércores a mostra A forza da palabra. Lei de Normalización Lingüística de Galicia (1983-2023), organizada pola Xunta na biblioteca do Pazo do Hórreo para conmemorar os vinte anos da norma, e salientou que "non é unha lei máis", senón que pertence ás "leis fundacionais da autonomía galega". "Poucas causas son máis nobres e máis fermosas cá defensa dunha lingua", sinalou parafraseando a Carlos Casares.
O BNG non formará parte do goberno local da Coruña. PSdeG e Bloque acordan a investidura de Inés Rey pero que o goberno sexa "en minoría socialista", segundo asegurou ao termo da reunión entre as dúas formacións o concelleiro José Manuel Lage Tuñas. Máis información, hoxe en Praza.gal.
A conselleira lucense de Ayuso, número dous de Feijóo para as eleccións xerais. Marta Rivera de la Cruz, antiga integrante de Ciudadanos, partido co que foi deputada pola Coruña, e ex-conselleira de Cultura do goberno madrileño, ocupará o segundo posto da candidatura do PP en Madrid por tras do ex-presidente da Xunta. Rivera de la Cruz, que se significou en numerosas ocasións polas súas posturas contrarias ás medidas de normalización da lingua galega, foi escollida pola Xunta en 2013 para protagonizar un acto institucional centrado en Rosalía de Castro. Na imaxe, Marta Rivera (á esquerda), nun mitin de Ciudadanos en Vigo en 2016.
Portos de Galicia convoca a concesión por 50 anos de espazos públicos para explotar cafetarías en sete peiraos: Baiona, Burela, Cedeira, Ortigueira, San Pedro de Visma, A Pobra do Caramiñal e A Pasaxe. [Foto: Concello de Baiona]
CRISE DE GOBERNO | Diego Calvo ascende a vicepresidente primeiro da Xunta e Ángeles Vázquez será a nova vicepresidenta segunda da Xunta nunha reestruturación obrigada pola confección das listas do PP para as xerais que implica que tamén saia da Xunta a veterana conselleira do Mar, Rosa Quintana, que será substituída polo ata agora alcalde de Cervo, Alfonso Villares. Máis información decontado en Praza.gal.
Marta Lois e Verónica Martínez Barbero, cabezas de lista de Sumar Galicia pola Coruña e Pontevedra, segundo publica Europa Press e adiantou Radio Galicia-Cadena Ser. A presidenta de Sumar e ex-concelleira de Compostela Aberta Marta Lois liderará a lista da coalición na provincia da Coruña e a ata hoxe directora xeral de Traballo no Goberno de España e anterior presidenta do Consello Galego de Relacións Laborais, Verónica Martínez Barbero, será a número un na de Pontevedra.