Begoña Caamaño será a homenaxeada polo Día das Letras en 2026. Así o vén de comunicar a Academia.

Begoña Caamaño será a homenaxeada polo Día das Letras en 2026. Así o vén de comunicar a Academia.
Veciñanza e profesionais sanitarios de Ribeira concentráronse este xoves diante da Consellería de Sanidade para reclamar a cobertura de todas as prazas de Medicina de Familia no seu centro de saúde. Rexistraron unha nova petición de reunión co conselleiro e advirten de que seguirán manifestándose todos os xoves diante do centro de saúde de Ribeira, como levan facendo xa varios meses. [📸 CC-BY-SA Plataforma en defensa da sanidade pública da comarca do Barbanza]
Os festivos de 2026 xa son oficiais coa súa publicación no DOG. O vindeiro ano San Xoán será festivo e os outros dous días designados pola Xunta serán o 19 de marzo e o 25 de xullo. Outros dous festivos son fixados por cada concello.
Felipe VI nomea Luz Casal marquesa de Luz e Paz, título nobiliario de nova creación, con motivo do décimo aniversario da súa proclamación como rei. Ademais, Rafa Nadal convértese en marqués de Llevant de Mallorca e Cristina García Rodero en marquesa do Val de Alcúdia. Tamén reciben marquesados o bioquímico Carlos López Otín, a nadadora Teresa Fernández Perales e Jaime Alfonsín Alonso, ex-xefe da Casa Real.
Greenfiber desiste do PERTE para instalacións eficientes e descarbonizadas do Estado, que vén de resolver a adxudicación destas axudas, para o proxecto conxunto con Altri en Palas de Rei. A Plataforma Ulloa Viva segue a reclamar ao goberno da Xunta, do Estado e da UE que o plan para instalar esta macrocelulosa non sexa "receptor de axudas ou subvencións públicas dado que é contrario ás esixencias e criterios medioambientais". [Na imaxe, a recreación da fábrica de Altri en Palas divulgada pola propia empresa © Greenfiber]
O Tribunal Supremo condena os herdeiros de Franco a devolver as esculturas do Mestre Mateo ao Concello de Santiago.
O Ministerio de Igualdade presentará en setembro un anteproxecto de lei para abolir a prostitución. A ministra Ana Redondo manifesta que o seu departamento levará ao Consello de Ministros á volta do verán medidas para "avanzar con paso firme cara á abolición da prostitución e cara a unha maior calidade democrática e feminista". [📸 CC-BY-SA Ministerio de Igualdade]
Pedro Sánchez retruca ás esixencias de dimisión de Feijóo polas revelacións sobre Cerdán e Ábalos acusando o PP de ser unha "enciclopedia de corrupción". Nunha tensa sesión de control no Congreso, o presidente do Goberno de España afeou tamén ao ex-titular da Xunta que o seu sucesor, Alfonso Rueda, non actuase contra Alfonso Villares tras coñecer que fora denunciado por agresión sexual e que o ex-conselleiro permanecese no cargo durante os meses seguintes, ata que foi citado como investigado. [Imaxe: © Congreso]
Ignacio Picatoste é o novo presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, como vén de decidir o pleno do Poder Xudicial. Picatoste, ata agora presidente da Audiencia Provincial da Coruña, releva no cargo a José María Gómez y Díaz-Castroverde. O pleno do CGPJ deste mércores tamén nomeou a maxistrada Ana María del Carmen Blanco Arce como presidenta da Audiencia Provincial de Ourense. [📸 CC-BY-SA TSXG]
Leiro, con 41,2 graos ás sete da tarde, rexistrou a temperatura máxima este martes no país. A cidade de Ourense tamén superou os 40 graos no día máis caloroso nunha primavera en Galicia dende que hai rexistros. Este mércores prevese que de novo os termómetros se acheguen aos 40 graos na provincia ourensá, con avisos amarelos por calor nos vales do Miño e do Sil e no sur das provincias de Lugo e Pontevedra.