Falece Sito Sedes, histórico cantante da orquestra Los Satélites e emblema da música popular e da verbena galega. Sedes, considerado discípulo musical de Pucho Boedo, tamén encabezou a Los Tamara para lembralo no disco Carta a un amigo. Na imaxe, Sito Sedes cantando con Los Satélites durante unha homenaxe que recibiu no barrio coruñés de Matogrande en 2021 [© Concello da Coruña]
Fálase
Vítimas do accidente de Angrois vólvense manifestar en Santiago once anos despois do sinistro e á espera da primeira sentenza xudicial sobre o caso, que prevén "inminente". Máis información, hoxe en Praza.gal.
Este mércores comezan as primeiras competicións nos Xogos de París, que se inauguran o venres. A Xunta puxo en marcha de novo o portal Galicia Olímpica, un espazo dixital dedicado a visibilizar os e as deportistas galegas que compiten nos Xogos Olímpicos e Paralímpicos. Unha trintena de deportistas do país participan estes días nas distintas disciplinas, con varias opcións de metais que sumar á nosa lista de medallistas históricos. Imaxe: Nicolas Michaud (CC BY-NC-ND)
Dous falecidos de Vigo e Baiona e un desaparecido de Ribeira, no naufraxio do Argos Georgia, nas Malvinas. Dos seis falecidos no naufraxio do buque palangreiro, había un veciño de Vigo, que resultou ser o patrón de pesca e outro, o cociñeiro, era de Baiona. Un dos sete desaparecidos é de Ribeira, ao igual que tres dos 14 superviventes, segundo informa Europa Press.
Rescatan unha balsa con 13 superviventes do naufraxio do pesqueiro Argos Georgia, que afundiu nas Malvinas con tripulación galega. Entre as persoas rescatadas están o capitán e o xefe de máquinas do barco, ambos os dous de Ribeira. Entre os 27 traballadores había 10 de nacionalidade española e moitos deles galegos, aínda que ata o momento non se puido precisar a cifra exacta. Hai, cando menos, catro mortos.
Rueda xustifica a súa ausencia no Consello da Xunta deste luns para acudir a un acto do PP en Madrid porque o Goberno está "unido" e pode ser "perfectamente substituído". "Xa sei que non pasaba en épocas anteriores do bipartito", di en referencia ao Executivo de PSdeG e BNG entre 2005 e 2009. Ante as críticas de Ana Pontón por faltar á xuntanza do Goberno para acudir ao acto convocado por Feijóo, o presidente agrega que "nos días anteriores" tivo "coñecemento sobre os temas que foron aprobados no Consello", polo que estivo garantida a "coordinación". Na imaxe, Rueda esta mañá en Santiago nun acto de entrega de vehículos a axentes ambientais.
Bea Seijas e Diego Ríos dirixirán as seleccións absolutas de fútbol sala. A adestradora ferrolá e o adestrador lucense asumen a dirección dos combinados galegos antes dos catro amigables que disputarán ante Catalunya. Os dous primeiros xogaranse en canchas catalás cadrando coa Diada Nacional de Catalunya, o 11 de setembro, e os encontros en Galicia serán "nunha data aínda por determinar durante 2025", segundo informa a Federación Galega de Fútbol. As seleccións absolutas de fútbol sala non xogan dende 2017, no caso do combinado feminino (vitoria por 6-2 ante Catalunya en Santa Isabel); e 2008, o masculino (6-1 para a Irmandiña ante Uruguai na Malata). [Imaxe: © RFGF]
Dende o mediodía deste luns A Coruña está en situación de emerxencia sanitaria debido á acumulación de lixo nas rúas. A declaración do Concello busca acelerar os trámites para a contratación doutra empresa se faga cargo da recollida ata normalizar a situación. A contratación, que se completará este mércores, esixe das compañías interesadas dispoñer de 13 vehículos cunhas características determinadas e de 32 operarios para
poder atender á limpeza nos puntos identificados. Unha vez seleccionada a empresa, esta ocuparase da recollida do lixo "de forma inmediata" e cunha duración "indeterminada", ata que se considere que a situación volve a normalidade.O xuíz Peinado cita como testemuña a Pedro Sánchez no caso no que investiga á esposa do presidente do Goberno de España, Begoña Gómez, a raíz da denuncia da organización ultra Manos Limpias. Terá que declarar o vindeiro día 30.
- HEMEROTECA | Pedro Sánchez queda e promete a "rexeneración pendente da nosa democracia"
- OPINIÓN | A denuncia de Begoña Gómez por tráfico de influencias. Por Carlos Amoedo
Biden anuncia que non optará á reelección como presidente dos Estados Unidos. “Compañeiros demócratas, decidín non aceptar o nomeamento e concentrar todas as miñas enerxías nos meus deberes como presidente durante o resto do meu mandato. Hoxe quero ofrecer todo o meu apoio e respaldo para que Kamala sexa a candidata do noso partido este ano”, dixo a través da rede social X.