PARO REXISTRADO | As inscricións nas oficinas de emprego diminuíron en 956 persoas en febreiro en Galicia e quedan en 144.092, unha leve diminución do -0,66% fronte ao lixeiro incremento do 0,09% a nivel estatal, influído sobre todo polas subas en Madrid, Canarias e Murcia. Son 10.417 menos que un ano antes (-6,74%, -6,45% na media. No mesmo mes, a afiliación media á Seguridade Social aumentou un 0,49% en Galicia (0,44% na media), ata os 1,04 millóns de persoas, un 0,94% por riba do dato de febreiro de 2022 (+2,42% no total estatal).
Fálase
Vén de ser derrubada a cheminea da central térmica de Meirama, de 204 metros de altura, despois de 40 anos de funcionamento ata o peche da planta en 2019. O pasado mes de decembro xa foi demolida a torre de refrixeración. Vídeo: © X. Bocixa
En busca e captura o salesiano dun colexio de Vigo condenado a 32 anos de cadea por abuso de menores. O condenado non ingresou en prazo en prisión tras diversos recursos infrutuosos que demoraron a execución da sentenza.
O BOE publica hoxe a nova lei de saúde sexual, que inclúe a nova regulamentación do dereito ao aborto, e mais a lei trans, tras as súa aprobación nas Cortes por amplas maiorías. O groso das disposicións da primeira e o texto íntegro da segunda entran en vigor mañá, 2 de marzo, o que tamén sucede coa nova lei de emprego, igualmente publicada este martes no Boletín Oficial do Estado. Na imaxe, a ministra de Igualdade, Irene Montero, no transcurso do debate final das dúas novas leis dependentes do seu departamento.
Sheila Patricia, Familia Caamagno, SÉS, Ataque Escampe, A Garota Não, Pedro Abrunhosa, Bárbara Tinoco ou LaMontagne & PicoAmperio, entre as bandas e artistas finalistas dos premios aRi[t]mar das músicas galegas e portuguesas. Xa están abertas as votacións no sitio web do certame para que o público escolla as súas preferidas.
El País publica as mensaxes entre membros da cúpula do Ministerio de Interior do Goberno de Rajoy que revelan a operación policial contra o independentismo e Podemos, baseada en investigacións sen orde xudicial e a difusión de informacións falsas aos medios. A información procede da operación Kitchen, a mesma na que está acusado o ex-ministro Jorge Fernández Díaz por espiar e roubar información a Luis Bárcenas para evitar a inculpación do PP no caso Gürtel de financiamento ilegal.
A TVG emite na medianoite deste luns ao martes (00:10, G2) o documental Fraga e fidel, malia todo, que retrata a histórica visita do líder cubano a Galicia en 1992 por convite do daquela presidente da Xunta, Manuel Fraga. A canle pública indica que, tras a emisión, estará dispoñible no espazo do seu sitio web dedicado aos documentais.
Adif encarga un ano despois da inauguración do AVE coa Meseta a adaptación do vello túnel do Padornelo para que poida ser usado pola alta velocidade, que nese punto só conta agora cunha vía única. A actuación estaba prevista desde hai unha década pero aínda agora se encarga a redacción do proxecto.
Ana Baneira xa está en Galicia. A activista coruñesa á que as autoridades de Irán mantiveron tres meses encarcerada baixo a acusación de participar nas protestas pola morte de Mahsa Amini aterrou en Santiago procedente de Xenebra. "Vén ben, pero moi cansa", explican a familia, que agrega que nos vindeiros días se dirixirá aos medios de comunicación. Imaxe cedida pola familia de Ana Baneira.
A extrema dereita rexistra a súa segunda moción de censura no Congreso contra o Goberno do PSOE e Unidas Podemos. Vox tramita a iniciativa co ex-militante do PCE e do CDS Ramón Tamames como candidato. Faino apenas dous anos despois de que a primeira que formularon, con Santiago Abascal como aspirante, acabase sendo a que acumulou máis rexeitamentos de todas as formuladas dende a Constitución de 1978: 298 votos en contra e só 52 a prol, os da propia formación de extrema dereita. Se o PP de Feijóo mantén a súa intención de absterse, desta volta terían menos votos negativos.