O luns día 12, ás 8 da mañá, os medios impulsores da enquisa sobre a monarquía, entre eles Praza.gal, publicaremos os resultados do inquérito, o maior ao respecto realizado ata o momento. O traballo demoscópico, financiado mediante micromecenado, foi elaborado polo instituto de opinión 40dB.
Fálase
O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia ratifica o confinamento perimetral de Ourense e Barbadás e as demais medidas restritivas da Xunta na contorna para frear os contaxios do coronavirus. Ampliamos a información neste espazo
O Goberno de España decreta o estado de alarma na Comunidad de Madrid para manter o confinamento perimetral a causa do coronavirus en nove municipios, incluíndo a cidade de Madrid. Na imaxe, a xuntanza extraordinaria do Consello de Ministros, presidido por Carmen Calvo en ausencia de Pedro Sánchez, de viaxe oficial en Barcelona.
Alcoa anuncia a aplicación do despedimento colectivo na planta de San Cibrao, que deixa na rúa a 524 traballadores. Ademais, levará a cabo a hibernación das cubas de electrólise da factoría. A multinacional defende que nos últimos meses "negociou de boa fe", a pesar de que persoal, sindicatos e administracións acusan a empresa de ter bloqueado unha posible venda da instalación. Ampliamos a información neste espazo
A Xunta intervén a residencia Os Gozos, da Fundación San Rosendo no Pereiro de Aguiar, onde o xoves foi confirmado un brote do coronavirus de máis dun cento de casos. As anteriores intervencións de Política Social en residencias privada foron na de El Pinar (Culleredo) e na DomusVi Outeiro de Rei, o pasado setembro, esta última tamén tras un surto de máis dun centenar de positivos. Máis información, hoxe en Praza.gal
Adiados os concertos de Sés na Coruña, O Rosal e Santiago tras dar positivo por coronavirus. "A cantareira atópase en bo estado e confinada no seu domicilio, e quere trasladar unha mensaxe de tranquilidade ao seu público, ao que agradece a confianza no seu traballo", sinala o seu equipo, que agrega que "as persoas con entrada para o Pazo da Ópera que desexen solicitar a devolución poderán facelo desde hoxe"
A nai de Déborah Fernández, a moza asasinada en Vigo no ano 2002, declara hoxe nos xulgados de Tui despois de que a familia lograse reabrir o caso ás portas da prescrición do crime, do que segue sen haber culpable coñecido malia ás múltiplas pistas que apuntan a unha morte violenta.
A Xunta activa as subvencións para orquestras que fagan "promoción do Xacobeo 2021". A orde de axudas, publicadas hoxe no DOG; está dotada con 2 millóns de euros.
O Goberno de España valora declarar hoxe o estado de alarma en Madrid para manter o confinamento perimetral a causa do coronavirus, suspendido o xoves polo Tribunal Superior desa comunidade. Pedro Sánchez ten convocado un Consello de Ministros para as 12 da mañá, momento no que expiraría o prazo dado ao Executivo madrileño para manter as medidas por outras vías.
Rajoy e Barreiro Rivas vólvense reencontrar nunha conferencia organizada pola Fundación Empresa Universidad Gallega (FEUGA) baixo o título Diálogo sobre el futuro, este venres no Palacio de Congresos de Galicia (Santiago). Rajoy substituíu a Barreiro na vicepresidencia da Xunta en 1986, no marco dos duros enfrontamentos internos no Goberno de Alianza Popular que derivarían na moción de censura de 1987, antes da cal o gabinete do que Rajoy formaba parte levou a Barreiro aos tribunais. Na imaxe (©Goberno de España), ambos en 2014, na entrega dun premio da Fundación Santiago Rey Fernández Latorre.
- HEMEROTECA | Rajoy volve a Raxoi