Remuda na presidencia de Telefónica, que dirixirá o ata agora presidente da semipública Indra, Marc Murtra. O nomeamento chega co impulso do Estado, que é agora a través da Sociedad Estatal de Participaciones Industriales (SEPI) o principal accionista da noutrora empresa pública co 10% das accións seguido por Criteria (Caixabank), que ten un 9,9%. O cesamento do ata agora presidente da compañía, José María Álvarez-Pallete, cuxo mandato finalizaba este ano, realízase de acordo entre estes dous principais accionistas e tamén coa saudí STC, cuxa entrada en Telefónica precipitou en 2023 a reentrada estatal nesta compañía estratéxica. Pallete estaba ao mando dende 2016 co impulso do anterior presidente, César Alierta, que chegara ao cargo no 2000 avalado polo Goberno de España na etapa de Aznar, que culminara a privatización da empresa tres anos antes. O PP ataca o nomeamento por considerar que supón "colonizar" unha "empresa privada" no marco dunha "deriva antidemocrática". Na imaxe, o novo presidente de Telefónica, Marc Murtra [© Telefónica]