Persoal médico convocado polo sindicato O'Mega maniféstase en Santiago para denunciar que no Sergas os "centros de saúde están desbordados" e os hospitais "con listas de espera interminables e sobrecarga constante" e reclamaren melloras laborais. No marco das folgas paralelas que veñen desenvolvendo -paro indefinido en Atención Primaria e negativa a realizar operacións polas tardes para aliviar esperas as chamadas peonadas- instan a Consellería de Sanidade a "sentar a negociar os asuntos sobre os que ten competencia exclusiva", caso do establecemento da xornada semanal de 35 horas ou unha nova regulación das Urxencias, entre outras, mentres seguen reclamando ao Estado un Estatuto Marco propio. [Imaxe: O'Mega]