Comezan na Coruña as obras da Cidade das TIC, o parque tecnolóxico que se instalará na antiga fábrica de armas. Prevese que o conxunto do recinto estea en funcionamento contra finais de 2024. [Imaxe: © Concello da Coruña]
Fálase
Tanxugueiras, Familia Caamagno e A Banda da Loba encabezan o cartel do Festigal 2022, que regresa ao seu formato habitual tras a interrupción pola COVID. O festival impulsado pola Fundación Galiza Sempre e Galiza Nova celébrase os vindeiros 24 e 25 de xullo no Campus Vida de Santiago.
Santi Mina, futbolista do Celta, condenado a catro anos de prisión por abuso sexual. A sentenza da Audiencia Provincial de Almería condena o dianteiro a pagar unha indemnización de 50.000 euros e absolve o tamén futbolista David Goldar do delito de cooperación necesaria.
PARO REXISTRADO | As inscricións nas oficinas de emprego diminuíron en 2.734 en Galicia durante o mes de abril (-1,78%, fronte ao -2,77% da media estatal) e o paro rexistrado quedou en 150.602, o que supón 20.176 menos que un ano antes (-11,81%, practicamente a metade que a media). No mesmo mes, a afiliación media á Seguridade Social aumentou en 5.540 persoas, unha suba do 0,54% (0,93% na media, ata os 1,03 millóns, isto é, un 3,19% máis que no mesmo mes de 2021 (+5,06% no global estatal). Máis información, hoxe en Praza.gal
O Parlamento Europeo inicia a reforma electoral e propón crear unha circunscrición paneuropea de 28 escanos. Se os gobernos aceptan esta fórmula, nos comicios europeos cada votante depositaría dúas papeletas, unha da circunscrición que lle corresponda no seu Estado membro e outra, para esa circunscrición única de toda a Unión. As próximas eleccións europeas celébranse en 2024. Na imaxe, [© Parlamento Europeo], un pleno da Eurocámara en Estrasburgo.
- HEMEROTECA (2019) | Claro triunfo socialista nas eleccións europeas en Galicia e no Estado
Falece o vicerreitor de Ordenación Académica de Profesorado da Universidade de Vigo, Manuel Ramos Cabrer. O catedrático lucense, nado en 1966, era enxeñeiro de Telecomunicacións e doutor en Enxeñaría Telemática, ademais de membro do Grupo de Servizos para a Sociedade da Información e do centro de investigación atlanTTic e participantes en decenas de proxectos de investigación. A institución académica manifesta a súa "profunda consternación e tristura" pola súa repentina morte.
Abanca obtivo 81,2 millóns de euros de beneficios no primeiro trimestre do ano, un 13,2% máis que no mesmo período do ano anterior unha vez descontado o impacto da compra da vasca Bankoa. O banco subliña que o seu volume de negocio "aumentou en case 10.000 millóns de euros" en doce meses e chega a 107.887 millóns. O pasado 2021 rematárao con ganancias por importe de 323 millóns. Na imaxe (de arquivo), o presidente de Abanca, Juan Carlos Escotet [© Abanca]
Rueda ratifica o ofrecemento dun posto no vindeiro Goberno galego para Diego Calvo, presidente do PP da Coruña e derradeiro líder provincial en sumarse ao pacto das 'baronías' para situar o actual vicepresidente como sucesor de Feijóo no partido e na Xunta. A incorporación á Xunta de Calvo, actual vicepresidente do Parlamento, víñase dando por feita nas últimas semanas e ratificouna Rueda este luns en público, no acto cos populares coruñeses no marco da súa campaña interna como candidato único ao liderado da formación conservadora.
Estragan as letras decorativas dun dos accesos a Lugo cunha franxa amarela que, sobre a cor vermella corporativa do Concello lucense, simulaba a bandeira de España. Persoal técnico rematou este luns as tarefas de limpeza e "xa locen en perfecto estado", sinala o concelleiro de Medio Ambiente, Miguel Fernández, quen subliña a " chamada ao civismo" por parte do goberno local, "ao tempo que solicitamos a colaboración de todos para denunciar este tipo de actos vandálicos que afean a contorna". [Imaxe: © Concello de Lugo]
Alfonso Rueda, designado candidato á presidencia da Xunta tras a rolda de consultas dos grupos co presidente do Parlamento, trámite que constata que só o PP ten votos dabondo para a investidura. [Imaxe: © Parlamento]