Alfonso Rueda, designado candidato á presidencia da Xunta tras a rolda de consultas dos grupos co presidente do Parlamento, trámite que constata que só o PP ten votos dabondo para a investidura. [Imaxe: © Parlamento]
Fálase
O Goberno de España asegura que o móbil de Pedro Sánchez tamén foi espiado mediante o sistema Pegasus en maio de 2021 e anuncia que o traslada á Xustiza. En rolda de prensa, o ministro da Presidencia, Félix Bolaños, asegura que a espionaxe foi un "ataque externo", alleo a calquera "organismo oficial" do Estado español e atinxiu ademais á ministra de Defensa, Margarita Robles. Bolaños agrega que o Estado porá "á disposición" das comunidades autónomas as medidas de seguridade que está a aplicar para evitar estas "intrusións".
Continúan as Feiras do Libro de Galicia coa inauguración da de Santiago, pregoada este domingo pola escritora Berta Dávila. A feira compostelá estará aberta ata o día 8. A continuación chegará a de Lugo, do 17 ao 22. Todo o calendario, nesta ligazón.
A Xunta avanza a programación dos Concertos do Xacobeo, con bandas e artistas como Rosalía, Tanxugueiras, C. Tangana, Xoel López, Rozalén, Luis Fonsi ou Rufus Wainwright, entre outros. Nalgúns casos, trátase de actuacións organizadas especificamente para o Xacobeo e noutros, de concertos en festivais xa existentes, coma o Resurrection Fest, O Son do Camiño, o Festival de Ortigueira, Portamérica ou o Caudal Fest. O Goberno galego especifica que hai aínda datas por confirmar, como un concerto de Muse nun "lugar por determinar". A programación irá actualizándose no sitio web dos Concertos do Xacobeo
O PPdeG proclama a Rueda candidato único á sucesión de Feijóo como presidente do partido no congreso que celebrará o vindeiro maio. O acordo entre as baronías provinciais propiciou que non teña rivais.
Xa se pode ver na rede a conversa entre Margarita Ledo e Xabier Fortes, que protagonizan o primeiro programa da segunda tempada de 'Referentes', o proxecto da Deputación da Coruña que reúne a persoeiros da cultura galega nun espazo de reflexión e conversa demorada. Ledo e Fortes narran como a resistencia antifranquista conformou as súas respectivas personalidades e explican as súas posicións ante o ascenso da ultradereita ou a guerra de Ucraína.
Feijóo anuncia no seu derradeiro Consello ordinario diversos investimentos para Santiago, entre eles a ampliación da sede central da Xunta en San Caetano e do hospital. Como fixo nas semanas previas no resto de cidades, o aínda presidente fixo balance das súas actuacións tamén na capital galega e volveu publicitar a ampliación de San Caetano, onde o seu Goberno executou ou planificou obras por máis de cen millóns de euros.
Os Premios da Música Independente distinguen a Baiuca como autor da mellor gravación de música electrónica e mellor álbum en galego por Embruxo e ás Tanxugueiras como mellores artistas emerxentes. O palmarés enteiro pódese consultar nesta ligazón.
EPA | O emprego mantívose practicamente plano en Galicia durante o primeiro trimestre do ano, cunha caída de apenas 100 persoas ocupadas, segundo os datos da Enquisa de Poboación Activa, que deixa o total en 1,09 millóns de persoas ocupadas, un 2,98% máis que hai un ano. A caída trimestral foi do -0,50% no total estatal. Cómpre ter en conta, non obstante, que as cifras inferiores a 5.000 poden conter erros de mostraxe. No mesmo trimestre, a poboación parada aumentou nunhas seis mil persoas (+4,43%, fronte á media estatal do 6,69%), ata as 141.000, un -10,91% a respecto de hai un ano (-13,12% na media).
ERC, BNG e CUP esixen a dimisión da ministra de Defensa, Margarita Robles, por xustificar a espionaxe a líderes independentistas mediante o sistema Pegasus. Na imaxe, Robles este mércores na sesión de control do Congreso [© Congreso]