O PPdeG proclama a Rueda candidato único á sucesión de Feijóo como presidente do partido no congreso que celebrará o vindeiro maio. O acordo entre as baronías provinciais propiciou que non teña rivais.

O PPdeG proclama a Rueda candidato único á sucesión de Feijóo como presidente do partido no congreso que celebrará o vindeiro maio. O acordo entre as baronías provinciais propiciou que non teña rivais.
Xa se pode ver na rede a conversa entre Margarita Ledo e Xabier Fortes, que protagonizan o primeiro programa da segunda tempada de 'Referentes', o proxecto da Deputación da Coruña que reúne a persoeiros da cultura galega nun espazo de reflexión e conversa demorada. Ledo e Fortes narran como a resistencia antifranquista conformou as súas respectivas personalidades e explican as súas posicións ante o ascenso da ultradereita ou a guerra de Ucraína.
Feijóo anuncia no seu derradeiro Consello ordinario diversos investimentos para Santiago, entre eles a ampliación da sede central da Xunta en San Caetano e do hospital. Como fixo nas semanas previas no resto de cidades, o aínda presidente fixo balance das súas actuacións tamén na capital galega e volveu publicitar a ampliación de San Caetano, onde o seu Goberno executou ou planificou obras por máis de cen millóns de euros.
Os Premios da Música Independente distinguen a Baiuca como autor da mellor gravación de música electrónica e mellor álbum en galego por Embruxo e ás Tanxugueiras como mellores artistas emerxentes. O palmarés enteiro pódese consultar nesta ligazón.
EPA | O emprego mantívose practicamente plano en Galicia durante o primeiro trimestre do ano, cunha caída de apenas 100 persoas ocupadas, segundo os datos da Enquisa de Poboación Activa, que deixa o total en 1,09 millóns de persoas ocupadas, un 2,98% máis que hai un ano. A caída trimestral foi do -0,50% no total estatal. Cómpre ter en conta, non obstante, que as cifras inferiores a 5.000 poden conter erros de mostraxe. No mesmo trimestre, a poboación parada aumentou nunhas seis mil persoas (+4,43%, fronte á media estatal do 6,69%), ata as 141.000, un -10,91% a respecto de hai un ano (-13,12% na media).
ERC, BNG e CUP esixen a dimisión da ministra de Defensa, Margarita Robles, por xustificar a espionaxe a líderes independentistas mediante o sistema Pegasus. Na imaxe, Robles este mércores na sesión de control do Congreso [© Congreso]
Feijóo dimitirá "esta semana" como presidente da Xunta. Así o vén de avanzar no transcurso da súa derradeira sesión de control no Parlamento.
A empresa portuguesa Altri sinala Palas de Rei como a "localización ideal" para a instalación da súa fábrica de fibra téxtil sostible a partir da transformación da madeira dos montes galegos, ademais da reciclaxe de téxtiles. A compañía lusa foi a escollida pola Xunta e Abanca para liderar este proxecto, que conta co apoio de fondos europeos Next Generation.
Os Gobernos de España e Portugal logran un acordo coa Comisión Europea para desligar o gas do prezo da luz durante un ano. Os Executivos de Pedro Sánchez e António Costa principiaron as negociacións coa proposta de limitalo en 30 euros o megavatio/hora e o pacto final parte de 40 euros atendendo a unha media duns 50 durante a vixencia do acordo para a excepción ibérica. A ministra Teresa Ribera e o seu homólogo portugués, José Duarte, anunciaron este xoves o acordo político tras unha xuntanza en Bruxelas coa comisaria da Competencia, Margrethe Vestager. Máis información, hoxe en Praza.gal [Imaxe: © Ministerio para a Transición Ecolóxica]
“Galicia, o Camiño a seguir” será o lema da campaña interna, de momento en solitario, de Alfonso Rueda para facerse coa presidencia do PPdeG. Quen tamén será novo presidente da Xunta di comprometerse a “defender a normalidade extraordinaria de Galicia sempre e ante calquera”.