Feijóo dimitirá "esta semana" como presidente da Xunta. Así o vén de avanzar no transcurso da súa derradeira sesión de control no Parlamento.
Fálase
A empresa portuguesa Altri sinala Palas de Rei como a "localización ideal" para a instalación da súa fábrica de fibra téxtil sostible a partir da transformación da madeira dos montes galegos, ademais da reciclaxe de téxtiles. A compañía lusa foi a escollida pola Xunta e Abanca para liderar este proxecto, que conta co apoio de fondos europeos Next Generation.
Os Gobernos de España e Portugal logran un acordo coa Comisión Europea para desligar o gas do prezo da luz durante un ano. Os Executivos de Pedro Sánchez e António Costa principiaron as negociacións coa proposta de limitalo en 30 euros o megavatio/hora e o pacto final parte de 40 euros atendendo a unha media duns 50 durante a vixencia do acordo para a excepción ibérica. A ministra Teresa Ribera e o seu homólogo portugués, José Duarte, anunciaron este xoves o acordo político tras unha xuntanza en Bruxelas coa comisaria da Competencia, Margrethe Vestager. Máis información, hoxe en Praza.gal [Imaxe: © Ministerio para a Transición Ecolóxica]
“Galicia, o Camiño a seguir” será o lema da campaña interna, de momento en solitario, de Alfonso Rueda para facerse coa presidencia do PPdeG. Quen tamén será novo presidente da Xunta di comprometerse a “defender a normalidade extraordinaria de Galicia sempre e ante calquera”.
O presidente da Junta de Andalucía anuncia eleccións anticipadas para o 19 de xuño. Juan Manuel Moreno Bonilla, tamén presidente do PP andaluz, convocou esta tarde unha reunión extraordinaria do seu Consejo de Gobierno e previamente mantivo unha xuntanza co seu vicepresidente, Juan Marín, líder de Ciudadanos na rexión. Moreno Bonilla xustificou o adianto electoral na "necesidade" de contar cun "novo orzamento" para Andalucía en xaneiro de 2023.
O rei Felipe VI fai público por primeira vez o seu patrimonio, que cifra en máis de 2,5 millóns de euros. Segundo o trasladado pola Casa Real, o monarca [na imaxe © Casa de S.M. el Rey] ten algo máis de 2,2 millóns que corresponden a depósitos en contas correntes ou de aforro e valores de participación en diferentes fondos, e máis de 300.00 euros en obxectos de arte, antigüidades e xoias.
O comunicado da Casa Real incide en que Felipe VI guiado "polo compromiso cívico” e polas demandas de “rexeneración” da cidadanía, tomou a "decisión persoal” de manifestar que dispón dun patrimonio que ascende a un total de 2.573.392,80 euros.
Macron mantén a presidencia de Francia aínda que reduce a súa marxe coa extrema dereita. "Os franceses manifestan hoxe o desexo dun contrapoder forte contra Emmanuel Macron", salientou a líder de ultradereita Marine Le Pen. A vista en Francia xa está posta nas vindeiras eleccións lexislativas, que para o líder da esquerda Jean-Luc Mélenchon funcionarán como a terceira volta destas presidenciais. A propia Le Pen advertiu no seu discurso ao coñecer as estimacións dos resultados ao peche dos colexios de que "comeza a batalla" cara ás lexislativas de xuño. [Fotografía de Macron na campaña da segunda volta © @avecvous]
O ministro da Presidencia, Félix Bolaños, asegura que o Goberno español iniciará ″un control interno no CNI″ despois de que se fixera pública unha suposta espionaxe a líderes independentistas cataláns e vascos a través do sistema Pegasus. Bolaños constatou a ″plena disposición″ do Centro Nacional de Intelixencia para ″colaborar″ coas investigacións do Defensor del Pueblo.
O representante do Executivo de Pedro Sánchez reuniuse este domingo en Barcelona coa consellera da Presidencia da Generalitat, Laura Vilagrà [na imaxe © Govern Generalitat], e avanzou ″a constitución de maneira inmediata da Comisión de secretos oficiais″ no Congreso.
Sanidade informa do primeiro caso confirmado en Galicia de salmonelose que “encaixa” cos detectados polo consumo de ovos Kinder que provocaron a alerta sanitaria en Europa. O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, manifestou que a persoa afectada está “en perfecto estado” e avanzou que hai outros dous casos en estudo. O caso confirmado, segundo aclarou a Consellería, é un adulto que pertence á área sanitaria de Lugo e xa foi dado de alta. Recoméndase non consumir produtos dos lotes retirados, fabricados en Bélxica e distribuídos en diferentes países, para evitar máis contaxios.
O xulgado de Marín non asume a investigación do naufraxio do Villa de Pitanxo ao considerar que lle corresponde á Audiencia Nacional por tratarse de presuntos delitos cometidos fóra do territorio nacional. O Xulgado de Instrución número 2 de Marín devolve o caso aos xulgados centrais da Audiencia alegando que no tribunal galego “non consta que se descubrisen probas materiais do delito” como é o caso da balsa salvavidas recuperada polo buque Playa Menduíña II nas augas de Terranova, que si chegou a “outro partido xudicial”. Ademais, no auto asegúrase que o xulgado de Marín “non tivo formal coñecemento do delito” porque o primeiro atestado da Garda Civil xa foi dirixido á Audiencia Nacional.