Macron mantén a presidencia de Francia aínda que reduce a súa marxe coa extrema dereita. "Os franceses manifestan hoxe o desexo dun contrapoder forte contra Emmanuel Macron", salientou a líder de ultradereita Marine Le Pen. A vista en Francia xa está posta nas vindeiras eleccións lexislativas, que para o líder da esquerda Jean-Luc Mélenchon funcionarán como a terceira volta destas presidenciais. A propia Le Pen advertiu no seu discurso ao coñecer as estimacións dos resultados ao peche dos colexios de que "comeza a batalla" cara ás lexislativas de xuño. [Fotografía de Macron na campaña da segunda volta © @avecvous]
Fálase
O ministro da Presidencia, Félix Bolaños, asegura que o Goberno español iniciará ″un control interno no CNI″ despois de que se fixera pública unha suposta espionaxe a líderes independentistas cataláns e vascos a través do sistema Pegasus. Bolaños constatou a ″plena disposición″ do Centro Nacional de Intelixencia para ″colaborar″ coas investigacións do Defensor del Pueblo.
O representante do Executivo de Pedro Sánchez reuniuse este domingo en Barcelona coa consellera da Presidencia da Generalitat, Laura Vilagrà [na imaxe © Govern Generalitat], e avanzou ″a constitución de maneira inmediata da Comisión de secretos oficiais″ no Congreso.
Sanidade informa do primeiro caso confirmado en Galicia de salmonelose que “encaixa” cos detectados polo consumo de ovos Kinder que provocaron a alerta sanitaria en Europa. O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, manifestou que a persoa afectada está “en perfecto estado” e avanzou que hai outros dous casos en estudo. O caso confirmado, segundo aclarou a Consellería, é un adulto que pertence á área sanitaria de Lugo e xa foi dado de alta. Recoméndase non consumir produtos dos lotes retirados, fabricados en Bélxica e distribuídos en diferentes países, para evitar máis contaxios.
O xulgado de Marín non asume a investigación do naufraxio do Villa de Pitanxo ao considerar que lle corresponde á Audiencia Nacional por tratarse de presuntos delitos cometidos fóra do territorio nacional. O Xulgado de Instrución número 2 de Marín devolve o caso aos xulgados centrais da Audiencia alegando que no tribunal galego “non consta que se descubrisen probas materiais do delito” como é o caso da balsa salvavidas recuperada polo buque Playa Menduíña II nas augas de Terranova, que si chegou a “outro partido xudicial”. Ademais, no auto asegúrase que o xulgado de Marín “non tivo formal coñecemento do delito” porque o primeiro atestado da Garda Civil xa foi dirixido á Audiencia Nacional.
O Concello da Coruña incorporará a figura de Pedro Brandariz á praza do Humor, un espazo que a través de estatuas e caricaturas homenaxea un gran número de representantes do mundo da arte, o humor e a literatura. A praza, inaugurada no ano 1990, vai ser restaurada integramente. O cómico faleceu o pasado mes de febreiro aos 44 anos de idade.
Ribeira de Piquín estrea o primeiro caixeiro automático da súa historia. O municipio, de apenas 500 habitantes, conta cun dos terminais subvencionados pola Xunta e é un dos 36 que se sumou o acordo entre Goberno galego e a Fegamp.
A obriga xeral de uso da máscara en interiores decae tamén en Portugal, onde dende este venres son só obrigatorias en visitas a hospitais e residencias de maiores e mais no transporte público, ao xeito do aprobado polo Goberno de España esta mesma semana. O Executivo de António Costa mantén tamén, igualmente, algúns outros usos a xeito de recomendación.
A Xunta prorroga ata o 7 de maio a obriga de presentar o certificado COVID de vacinación, test negativo ou recuperación para realizar visitas a hospitais ou residencias da terceira idade e persoas con discapacidade. A prolongación da medida xa está publicada no DOG tras ser autorizada polo Tribunal Superior de Xustiza, que a ve "proporcionada" e pon o foco en que estes son ámbitos nos que tamén persiste a obriga de uso de máscara, por ser onde "pode haber unha maior concentración de persoas vulnerables, nas que o risco de enfermidade grave é maior, e onde a probabilidade de transmisión é máis alta".
O persoal da CRTVG aproba o preacordo entre comité e dirección que permitirá ofertar 270 prazas para consolidar o emprego temporal. As asembleas ratificaron o pacto con 98 votos a favor, 16 abstencións e 5 votos en contra, polo que quedan desconvocados os paros e a folga prevista para os 27 de abril e 1 e 2 de maio.
Os hospitais galegos precisan sangue dos grupos A Positivo, 0 Positivo e 0 negativo. A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) fai unha chamada ás galegas e galegos a participar na doazón de sangue nestes días porque “as reservas destes tres grupos sanguíneos presentan niveis baixos” despois das vacacións de Semana Santa.
Unha dotación de ADOS estará o venres en O Vicedo, Monte Alto e Cantón-Obelisco (A Coruña), Boiro, Lestedo, Vilagarcía, Nigrán, Navia (Vigo), Monforte e Allariz. E o sábado en Boiro, Vilagarcía, Nigrán, Palas de Rei e no Cantón-Obelisco (A Coruña).