Cidadanía afectada pola nova estrada prevista no plan de urbanismo de Vigo manifestouse este domingo polo centro da cidade.

Cidadanía afectada pola nova estrada prevista no plan de urbanismo de Vigo manifestouse este domingo polo centro da cidade.
A Garda Civil detivo ou investigou 29 persoas como presuntas autoras de incendios forestais en Galicia durante 2021, segundo datos divulgados pola Delegación do Goberno de España. Case a metade (13) foron na provincia de Ourense, seguida por Lugo (7). A Coruña rexistrou 5 destas detencións ou investigacións e Pontevedra, 3. Na imaxe, traballos de extinción nun incendio forestal en Ribas de Sil, en setembro do ano pasado
A Xunta reactiva o formulario na web do Sergas para comunicar positivos da COVID detectados mediante autotest. Segundo os novos protocolos, estes positivos son validados a todos os efectos como os detectados polos propios servizos sanitarios e implican que a Central de Contactos chamará á persoa que o comunica "nas seguintes 24 horas".
Verónica Boquete ficha pola Fiorentina. A futbolista compostelá continúa así unha traxectoria internacional que xa a levou polas ligas sueca, estadounidense, alemá, francesa e chinesa . Imaxe divulgada pola xogadora nas súas redes sociais.
O pasado decembro foi o terceiro máis cálido da serie histórica de Meteogalicia, segundo o seu informe climatolóxico para o mes que vén de rematar. As temperaturas estiveron uns 2,1 graos por riba do normal, "o que fai que poida considerarse como un mes moi cálido", conclúe. O documento resalta tamén que o precedente máis próximo da serie (que se remonta a 1981) no mesmo sentido foi decembro de 2015, con temperaturas 2,87 graos por riba do habitual. O anterior fora en 1989 (+2,84 graos). O informe completo pódese consultar aquí. Na imaxe, o mapa de anomalía de temperatura media de decembro de 2021 a respecto do período 1981-2010.
Tanxugueiras inicia na Coruña o vindeiro 26 de marzo a súa Xira Midas, na que presentarán as cancións do seu novo álbum, que se publicará neste ano 2022. As entradas poranse á venda este mércores ao mediodía. Terra (candidata a participar no Festival de Eurovisión) suma máis de dous millóns de reproducións en Youtube e Spotify e outros temas como Figa superan o millón de escoitas.
Goberno de España e comunidades autónomas confirman que o curso escolar se reiniciará o vindeiro día 10 con clases presenciais. O Sergas retomou hoxe a vacinación pediátrica co grupo das nenas e nenos de 7 a 9 anos.
As inscricións nas oficinas de emprego caeron en apenas 163 en Galicia durante o mes de decembro, o menor descenso porcentual do Estado, un -0,11% que contrasta co -2,41% da media estatal. O paro rexistrado total queda en 152.584 persoas, 37.003 menos que no remate de 2020, (-19,52%, apenas medio punto menos que na media estatal). No mesmo mes, a afiliación media á Seguridade Social descendeu en 2.713 persoas (-0,26%) e queda en 1,32 millóns de cotizantes, 30.624 máis que un ano antes (+3,06%).
A Xunta corrixe nun novo DOG extraordinario as restricións de restaurantes e bares para que na véspera de Reis non teñan que pechar ás doce da noite senón á 1 da madrugada. Ata agora a orde que regulaba o sector fixaba nas doce da noite a hora máxima de peche como norma xeral agás nas noites de venres a sábado e de sábado a domingo, e agora inclúe tamén a nova excepción das “vésperas de festivos”. Non muda nada das restricións de pubs, que poden abrir ata as 3 da madrugada.
O Museo do Mar de Vigo prorroga dous meses máis, ata o 31 de marzo, a mostra sobre Antonio Palacios que ía rematar o 31 de xaneiro. Así o anunciou a Xunta este domingo, ao tempo que informou de que durante 2021 as actividades do museo recibiron un total de 31.000 visitas.