O coruñés Cándido Conde-Pumpido, novo presidente do Tribunal Constitucional. Tras o desbloqueo da súa renovación a finais de 2022, na corte de garantías hai agora maioría do sector considerado progresista, no que se encadra o propio Conde-Pumpido, quen foi Fiscal Xeral do Estado durante os gobernos de Zapatero (2004-11) e maxistrado do Tribunal Supremo. A vicepresidencia recae en Inmaculada Montalbán, do mesmo sector. [Imaxe: © TC]
Fálase
A Xunta certifica que a súa sede electrónica non funcionou durante unha hora e 12 minutos na mañá deste luns, coincidindo coa presentación masiva de solicitudes de axudas para persoas autónomas. A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) di que entre as 10:18 e as 11.30 horas houbo “unha incidencia técnica non planificada que provocou unha indispoñibilidade xeral” na sede electrónica que afectou a todo tipo de trámites.
Un xulgado de Pontevedra declara abusivo que Orange inclúa en ficheiros de morosos a ex-clientes aos que reclama débedas tras dárense de baixa, "independentemente do motivo da oposición ao pago" e mesmo "aos que prestaba servizos de maneira defectuosa". A condena resulta de acoller parcialmente unha demanda da Fiscalía e implica "cesar de inmediato nas prácticas" e 60.000 euros de multa "por cada reiteración". Contra o ditame cabe recurso ante a Audiencia Provincial. [Imaxe: © Orange]
Seguidores do ex-presidente brasileiro Jair Bolsonaro invaden a sede do Congreso do Brasil coa intención de derrocar o presidente Lula da Silva, que celebrou este venres a primeira reunión cos ministros do seu Executivo [na imaxe © Ricardo Stuckert]. Os partidarios de Bolsonaro superaron as barreiras policiais coa súa manifestación e diríxense tamén ao palacio presidencial, reclamando unha intervención militar do país.
- AMPLIAMOS 👉 Lula frea o asalto bolsonarista aos poderes do Brasil: "Todos eles pagarão com a força da lei"
- HEMEROTECA | Lula vence e proponse "acabar outra vez com a fome" e protexer a democracia do Brasil
- ENTREVISTA | Wesley Guerra: "Gañe Lula ou non, haberá que ver como é o ambiente despois das eleccións, iso definirá os próximos catro anos no Brasil"
Tres asasinatos machistas na fin de semana. A delegación do Goberno contra a Violencia de Xénero avisa que dous dos casos están a ser estudados para incluír as vítimas nas estatísticas oficiais de feminicidios, son dous asasinatos cometidos en Cádiz e Ciudad Real. Pero ademais un home confesou o asasinato dunha muller en Roquetas de Mar (Almería). O ano 2023 comeza coa alerta decretada polo Goberno do Estado tras a decena de feminicidios de decembro de 2022, un ano no que os datos oficiais cuantifican 49 mulleres asasinadas polo feito de seren mulleres.
O derbi do baloncesto galego na liga ACB remata con 64 puntos para o Breogán, gañador do partido no Pazo dos Deportes de Lugo, fronte aos 59 puntos do Obradoiro.
Un ducia de rosas brancas para Alfonso Daniel Manuel Rodríguez Castelao no 73º aniversario da súa morte. Miguel Anxo Seixas Seoane, vicepresidente da Fundación Castelao, o secretario xeral de Política Lingüística Valentín García e o deputado de Cultura da Deputación da Coruña, Xurxo Couto, realizaron este sábado no Panteón de Galegos Ilustres a tradicional ofrenda floral ao político e escritor finado en Bos Aires o 7 de xaneiro de 1950. [Fotografía © Deputación da Coruña]
A Xunta activa a alerta laranxa por temporal costeiro en todo o litoral galego. A dirección xeral de Emerxencias e Interior toma esta medida a partir desta tarde porque o vento soprará con forza no mar desde a media tarde deste sábado e as ondas poderán acadar os cinco metros de altura, segundo detalla Meteogalicia, e poderán chegar aos sete metros no noroeste. Tamén estará activa unha alerta amarela por precipitacións acumuladas en toda a provincia de Pontevedra, ademais de no oeste, suroeste e interior da Coruña, e mais no noroeste, no sur e na zona do Miño da provincia de Ourense.
A situación mantense o domingo, a borrasca centrada ao norte de Irlanda enviará ata o país unha nova fronte e a previsión indica que haberá ventos e chuvias fortes nas primeiras horas do día. A alerta laranxa na costa seguirá activa e a amarela estenderase a toda a provincia de Ourense, incluídas as zonas de montaña.
A AELG aprobou o nomeamento de Lydia Cacho, xornalista mexicana con raíces galegas, activista feminista e defensora dos dereitos humanos, como Escritora Galega Universal en 2023. Hai dúas décadas informou amplamente sobre o feminicidio en Ciudad Juárez e ten escritos máis dunha ducia de libros derivados dos seus coñecementos e experiencias, desde a poesía até a ficción e mesmo un manual para previr o maltrato infantil.
Os Reis Magos xa percorren Galicia e esta tarde participarán en cabalgatas e visitas en todas as cidades e vilas galegas. Na imaxe, as súas Maxestades esta mañá nunha parroquia de Brión