A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) fai un chamado á participación da poboación na doazón de sangue e, de maneira especial, aos doantes A positivo, A negativo e 0 positivo. O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, doou sangue este sábado no Hospital Nicolás Peña de Vigo, onde pediu un "esforzo especial" para incrementar as reservas de sangue durante os meses de verán. Comesaña lembrou que os centros sanitarios de Galicia necesitan "entre 400 e 500 doazóns diarias" para desenvolver de maneira eficaz as súas tarefas.
O luns haberá unidades móbiles para doar sangue en Narón, Celas de Peiro (Culleredo), Culleredo, Zona Gaiteira-Os Castros (A Coruña), Praza Roja (Santiago), Área Central-Fontiñas (Santiago), Catoira, Barrio de Teis (Vigo), Rúa Príncipe (Vigo), Foz e A Rúa. Para o martes seguirán en Narón, O Burgo (Culleredo), Barrio Peruleiro (A Coruña), A Picota (Mazaricos), O Incio e na Ronda das Fontiñas (Lugo). A listaxe completa dos lugares onde se poderá doar sangue ata fin de mes pode consultarse aquí.