O PP de Baiona quéixase ao Concello por un monólogo de Quico Cadaval "en galego e non en castelán" por "falta de respecto" cos turistas. Os conservadores din "entender" que "noutra época do ano si se poida optar polo noso dialecto". Na imaxe, parte da queixa divulgada polo PP baionés nas súas redes sociais.
Fálase
Ourense acada un novo récord de temperatura ao chegar este xoves aos 44º, segundo as medicións da estación de Meteogalicia. O servizo de meteoroloxía galego tamén avanza que se aproximan nubes desde o Atlántico e o norte de Portugal que nas próximas horas poderán deixar treboadas no sur da provincia de Lugo e na de Ourense.
As temperaturas non baixaron dos 20º na maioría dos municipios galegos a pasada noite –nalgúns sitios as mínimas foron de 25º– e esta tarde superaron os 42º en Verín, Vilamartín de Valdeorras, Leiro e Ribas de Sil.
O PP confirma que se opón ao novo imposto ás enerxéticas anunciado por Pedro Sánchez e absterase na convalidación do segundo decreto fronte á crise de prezos
O tenente da Alcaldía de Lugo, Rubén Arroxo (BNG), denuncia ante a Policía "distintas ameazas de morte escritas no perfil dun cargo público nas redes sociais" o pasado mércores. "Non imos consentir que por unha cuestión ideolóxica se nos ameace", sinala, ademais de advertir de que "isto é reiterado e nos últimos meses están a medrar". A alcaldesa da cidade, Lara Méndez (PSdeG), subliña que "non son tolerables os ataques, os insultos e as ameazas que recibimos por persoas que poden discrepar coa forma de facer política, coa xestión ou a ideoloxía". O PP local expresou tamén a súa condena.
A Xunta centra no Xacobeo e no Camiño de Santiago as Medallas de Galicia do 2022. Concédeas ao arcebispo de Santiago, Julián Barrio; ao presidente do comité de expertos sobre o Camiño, Paolo Caucci von Saucken; a Begoña Valdomar, hospitaleira do albergue de peregrinos de Fisterra; á Asociación Discamino de Santiago e ao antropólogo e primeiro comisario do Xacobeo José Carro Otero, esta última a título póstumo. A Xunta concede estas medallas co gallo do Día Nacional de Galicia e dende o ano pasado volven ser entregadas o propio 25 de xullo tras seren trasladadas ao 24 dende o accidente de Angrois.
A Audiencia Nacional abre xuízo contra Iberdrola por manipular as súas centrais no Sil e outros ríos en 2013 co obxectivo de inchar inflar os prezos da electricidade. A eléctrica "ideou e puxo en funcionamento un sistema para incrementar o prezo da enerxía que vendía", segundo o xuíz. Na imaxe, o presidente de Iberdrola, Ignacio Sánchez Galán, co ex-presidente Feijóo e o conselleiro Conde, nunha das centrais do Sil.
O Concello de Frades prohibe usar auga da traída "para o enchido de piscinas ou a rega do cultivo de xardíns" para "garantir o mantemento do subministro no uso domiciliario e nas explotacións gandeiras" -Frades ten rexistradas case 10.000 vacas-. Nun comunicado, o consistorio sinala que "decidiu adoptar esta medida debido a que, coa chegada do verán e destas vagas de calor, comeza a haber problemas co subministro de auga debido ao considerable aumento do seu consumo e á súa escaseza". Na imaxe, piscina municipal desta vila.
Formoso insta a Xunta a imitar o Goberno de España e aplicar a gratuidade nos abonos dos autobuses metropolitanos. O secretario xeral do PSdeG reclama que o Executivo galego "complemente" así a medida anunciada por Pedro Sánchez para o abonos da Renfe en media distancia e lamenta que "non escoitase a nosa petición de destinar a axudas ao sectores estratéxicos" unha parte do recadado polo imposto de hidrocarburos.
“O Nadal faise todo o ano”: Abel Caballero anuncia o inicio dos preparativos para as festas de fin de ano en Vigo. O alcalde avanzou que este xoves o goberno local aprobará a contratación da iluminación e a programación do Nadal. [Foto: Concello de Vigo]
A inflación escalou en Galicia o pasado xuño ata o 11,1% interanual, case un punto máis que na media estatal, onde o incremento dos prezos foi do 10,2%.